BFA consegue ser aceleradora de referencia nos premios Startup Europe Awards

BFA consegue ser aceleradora de referencia nos premios Startup Europe Awards
BFA consegue ser aceleradora de referencia nos premios Startup Europe Awards

A BFA elixirá as startups galegas que competirán polo premio á mellor startup de España nas diferentes categorías

A Comisión Europea vén de elixir a Business Factory Auto como aceleradora de referencia nos premios Startup Europe Awards, unha competición internacional organizada pola Comisión Europea e a Fundación Finnova que ten entre os seus obxectivos proxectar a nivel europeo as startups e empresas innovadoras de distintas rexións. A BFA, que impulsan PSA, CEAGA, o Consorcio Zona Franca e a Xunta, convértese así no primeiro socio rexional vinculado á automoción que colabora nesta iniciativa, tal e como se anunciou na Semana Europea do Comité das Rexións.

A BFA elixirá as startups galegas que competirán polo premio á mellor startup de España nas diferentes categorías. Outorgaralles un galardón de 5000 euros para formación e poderán acceder a redes europeas ou viaxar á Comisión Europea para coñecer os fondos de apoio a proxectos innovadores. As categorías que optarán a este galardón da Business Factory Auto serán seis: enerxía, Internet das cousas, cidades intelixentes, clima, social, e ciberseguridade. O comité executivo da BFA será o responsable de seleccionar os mellores proxectos de cada unha delas.

A través desta iniciativa, a aceleradora pretende apoiar aos proxectos participantes na súa proxección internacional. A Business Factory Auto, que está a celebrar xa a súa terceira edición, acadou nas dúas convocatorias anteriores a creación de 22 novas empresas que levan xerado 150 postos de traballo e que facturan máis de 10 millóns de euros. Ademais, o 30% das empresas que participaron nas dúas primeiras edicións xa exportan a outros países. Esta terceira convocatoria, con 20 iniciativas, é a máis internacional, posto que participa un proxecto de Dubai e outro de Alemaña.

Comentarios
Lo más