Condenan ao parricida de Oza-Cesuras a prisión permanente revisable

Condenan ao parricida de Oza-Cesuras a prisión permanente revisable

O acusado foi sentenciado como autor dun delito de asasinato con aleivosía, agravado porque a vítima era menor de 16 anos

A Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto de culpabilidade emitido polo Tribunal do Xurado, condenou a prisión permanente revisable ao home que en maio de 2017 asasinou o seu fillo de 11 anos golpeándoo na cabeza cunha pa de obra nunha zona boscosa e de difícil acceso situada no municipio de Oza-Cesuras.

O acusado foi sentenciado como autor dun delito de asasinato con aleivosía, agravado porque a vítima era menor de 16 anos, concorrendo as agravantes de parentesco e de xénero, en concurso medial cun delito de lesións psíquicas á súa exmuller. 

A Audiencia tamén lle impón a prohibición de aproximarse a menos de 1.500 metros da súa exesposa e de comunicarse con ela por calquera medio durante cinco anos máis que a duración efectiva da pena de prisión permanente revisable. Ademais, terá que abonarlle á súa exmuller unha indemnización de 180.000 euros. Contra o fallo cabe interpoñer recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A Audiencia destaca que o Tribunal do Xurado manifestouse contrario por unanimidade á concesión do indulto ou o beneficio de suspensión da pena, unha decisión coa que a maxistrada presidenta da Sección Primeira “coincide plenamente”, pois sinala que non existe “circunstancia algunha que aconselle a aplicación desa graza e/ou beneficio a uns feitos caracterizados pola súa gravidade, revelando no acusado perigo e carencia dos máis elementais valores e escrúpulos”.

A sentenza considera que quedou acreditado que o condenado non aceptou a decisión da súa exesposa de separarse del en 2009 e que cometeu o crime “coa intención de causarlle o maior sufrimento psíquico posible á súa exmuller”. 

A Audiencia subliña que, en contra dos argumentos esgrimidos pola defensa, “ningún dos peritos xudiciais que examinaron ao acusado apreciaron síntomas psicóticos” e que os feitos probados encaixan "francamente mal con esa tolemia na que tanto insistiron os peritos que declararon a proposta da defensa”. Así, insiste en que, tal e como expuxo unha médico forense no xuízo, o brote psicótico “non é compatible cunha acción planeada” como a que levou a cabo o acusado. 

Comentarios