EM-REDE e Santiago Centro lanzan campaña para valorizar o comercio local

EM-REDE e Santiago Centro lanzan campaña para valorizar o comercio local

A iniciativa Non deixes que o peixe grande coma ao pequeno conta coa participación de preto de cen locais comerciais de Santiago e comarca.

As asociacións Rede de Iniciativas Empresariais de Santiago e Comarca EM-REDE e máis Santiago Centro, Área Comercial, presentaron onte a campaña Non deixes que o peixe grande coma ao pequeno, destinada a visibilizar e promover os valores do pequeno comercio.

Trátase dunha iniciativa lúdica que consiste na exposición de vinilos de cores nos escaparates de preto dun cento de tendas de Santiago e comarca con mensaxes que recordan a importancia do comercio local para a vida dos barrios. Tamén se distribuirán adhesivos con máis dunha vintena de frases que divulgan as virtudes dos negocios locais, como o trato persoal ou a creación de emprego, e animan á cidadanía a realizar neles as súas compras.

A campaña foi presentada onte na confluencia das rúas Doutor Teixeiro e República do Salvador pola presidenta de EM-REDE, Eva López, e o presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández. Durante a presentación, os impulsores da iniciativa fixeron fincapé no dinamismo e capacidade de innovación do comercio tradicional, así como na calidade, na inmediatez e no bo servizo que fornecen. Do mesmo xeito, destacaron a necesidade de potenciar a actividade económica de proximidade, que se traduce en máis riqueza para toda a cidade.

Con iniciativas deste tipo, tanto EM-REDE como Santiago Centro pretenden impulsar un clima de confianza entre comerciantes e veciños que permita ao pequeno comercio adaptarse ás necesidades dos consumidores actuais.

Comentarios