Xornada de formación para os participantes do VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames
Esta xornada completarase con sesións de locución e interpretación que terán lugar en novembro
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu este mércores, 24 de outubro, unha xornada formativa para o alumnado inscrito no VIII Concurso de Teatro Lido de Ames. O obradoiro tivo como obxectivo introducir aos participantes no mundo do teatro radiofónico. Durante dúas horas puideron analizar e comentar diferentes pezas radiofónicas de teatro, tanto da Radio Galega como de edicións anteriores do concurso. Ademáis, os rapaces/as traballaron sobre o guión das pezas que eles mesmos locutarán.
Entre o 5 e o 8 de novembro terán lugar outras sesións de técnicas de locución e interpretación que axudarán a perfeccionar as súas propias pezas. A emisión das locucións será en Ames Radio (FM 107.2) entre o 26 de novembro e o 3 de decembro de 13.30h a 14:30h, e de 19:00h a 20:00h. Nestas datas as pezas tamén estarán dispoñibles na sección de Avisos da web municipal.
A audiencia da radio municipal será a encargada de escoller a obra que obterá o premio do público mediante unha votación entre o 27 de novembro e o 4 de decembro no correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou no teléfono 981 890 452 . Haberá outros dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: ao mellor guión orixinal e á mellor interpretación. Os tres premios entregaránse nunha gala o 21 de decembro.