Bugallo: "Santiago é como un barco de vela que flota, pero non vai a ningún sitio"

Bugallo: "Santiago é como un barco de vela que flota, pero non vai a ningún sitio"
Bugallo: "Santiago é como un barco de vela que flota, pero non vai a ningún sitio"

Esta mañá presentouse a candidatura do exalcalde de Bugallo para as municipais do 2019

"Isto é o resultado de todo o que nos une: un proxecto común e o amor por Santiago". Con estas palabras comezaba o precandidato socialista á Alcaldía, Xosé Sánchez Bugallo, a rolda de prensa que ofreceu co que será integrante da candidatura Sindo Guinarte.

Bugallo destacou en varias ocasións da súa comparecencia o "total compromiso" das persoas que integrarán o equipo socialista que loitará pola Alcaldía cun "proxecto renovado" . Superar o reto do Xacobeo de 2021 e preparar o de 2027 e definir o porxecto Santiago 2030, marcando novos obxectivos "porque os tempos mudan" son os prinicipais obxectivos sobre os que o equipo que liderará Sánchez Bugallo xa está a traballar.

"Como queremos a esta cidade, somos quen de superar diferenzas", dixo Bugallo, que destacou que "somos cidadáns e cidadás de Compostela, que nos alegramos cada vez que se fan ben as cousas e que sofrimos co que está mal". Por todo iso, e por un proxecto común e renovado porque "os tempos mudan", o Partido Socialista ten chegado a un acordo para a presentación dunha candidatura única, que liderará o ex alcalde Xosé Sánchez Bugallo.

Xunto con Bugallo, compareceu nesta rolda de prensa Sindo Guinarte, e tamén estiveron presentes no encontro cos medios dúas de las mulleres que, xunto con Guinarte, formarán parte dos chamados postos de salida na candidatura que aínda non está totalmente confeccionada: Mercedes Rosón e Mila Castro.

Bugallo amosouse moi satisfeito non só do acordo acadado no partido, senón con vistas a presentar unha alternativa dunha cidade que na actualidade xenéralle, segundo dixo, unha "sensación agria". Así, asegurou que Compostela pasou de ser un referente non só en Galicia, senón en todo o mundo, a non ser exemplo de nada. A este respecto, lembrou como en 2002 fora recoñecida pola ONU a nivel mundial pola recuperación do seus casco histórico, ou o Premio Europeo de Urbanismo, así como outras distincións noutros eidos, como o social ou o cultural.

Nestes últimos anos, como subliñou, Santiago "é como un barco de vela que flota, pero non vai a ningún sitio". "Un barco sen rumbo, non chega a porto", afirmou o precandidato, que nesta liña apostou por contar cun proxecto de cidade que teña no Xacobeo, primeiro o de 2021 e logo o de 2027, e no horizonte de 2030, o seus principais retos.

En canto á candidatura, adiantou que será "ampla, na que a cidadanía de Santiago se sinta representada".

Nesta liña tamén se manifestou Sindo Guinarte, que asegurou que será "forte" e de "renovación". Guinarte dixo que o acordo "é bo para a cidade e creo que tamén un bo acordo para o noso partido". "Chegar a este acordo foi doado porque son moitas máis cousas as que nos unen das que podían separarnos", apuntou. 

Comentarios