Salvador Sobral interpretará “Amar pelos dois” acompañado ao piano por Abe Rábade na Gala aRi[t]mar 2018

Salvador Sobral interpretará “Amar pelos dois” acompañado ao piano por Abe Rábade na Gala aRi[t]mar 2018
Salvador Sobral interpretará “Amar pelos dois” acompañado ao piano por Abe Rábade na Gala aRi[t]mar 2018

O evento organizado pola Escola Oficial de Idiomas celebrarase o mércores 31 de outubro

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela organiza a III Gala aRi[t]mar que se celebrará este mércores 31 de outubro ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia e que contará coa participación de artistas e entidades gañadoras: Salvador Sobral, A Banda da Loba, Alexandre Brea, Lois Pérez e Convergências Portugal–Galiza. Música, poesía e videocreación daranse a man neste evento presentado por Carlos Meixide e Iria Pinheiro que conta coa colaboración da Xunta, Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela e Instituto Camôes.

gSalvador Sobral actuará acompañado polo pianista Abe Rábade, que interpretarán a coñecida “Amar pelos dois” entre outros temas do seu repertorio. Após a triunfante vitoria en Kiev, Salvador Sobral tornouse nun dos músicos mais desexados do público portugués e internacional, ademais de conseguir recentemente o EBBA Award, que distingue músicos emerxentes na escena artística europea. “Amar Pelos Dois”, com a que venceu o Eurovision Song Contest 2017 coa máxima puntuación do certame é na actualidade unha das cancións máis ouvidas en toda Europa.

A Banda da Loba está integrada por cinco mulleres, Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión). Destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou doutros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical. Presentarán o seu primeiro traballo discográfico "Bailando as rúas".

No apartado da poesía, os gañadores foron Lois Pérez, con “Blues do rei Bergman = B.B. King”; e Alexandre Brea, con “Com o ritmo da chuva”. Lois Pérez é mestre e contador de historias; o centro da súa actividade artística é a narración oral e a escrita. Alexandre Brea participou nas obras poéticas “Além do silêncio”, “Galiza e Moçambique numa linguagem e numa sinfonía” e no “Livro Homenagem a Manuel Maria”, así como en numerosos recitais.

Na gala entregarase tamén o premio Embaixada Galego-Portuguesa a Convergências, que desenvolven a súa actividade para homenaxear dúas figuras importantes das letras e da música galaico-portuguesa: Rosalía de Castro e José Afonso. Os textos deles tórnanse protagonistas e son divulgados cada penúltima semana de febreiro.

aRi(t)mar Galicia e Portugal é unha iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, que ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editada en Galicia e en Portugal, así como achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco das accións de desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

O certame consta de catro categorías: mellor tema musical galego, mellor tema musical portugués, mellor poema galego e mellor poema portugués. A escolla foi feita polo público xeral, galego e portugués, entre 10 poemas e cancións finalistas seleccionadas polo xurado do certame. A entrada do evento é libre e gratuíta até completar a capacidade da sala, previa retirada de billetes na Escola Oficial de Idiomas e no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Tamén no Auditorio da Galicia 3 horas antes do comezo da gala.

Comentarios