A Cidade da Cultura acollerá este martes unha xornada sobre seguridade viaria na empresa

A Cidade da Cultura acollerá este martes unha xornada sobre seguridade viaria na empresa
A Cidade da Cultura acollerá este martes unha xornada sobre seguridade viaria na empresa


A Xunta apoia o IX Encontro de boas prácticas que organiza o martes 30 de outubro na Cidade da Cultura a Fundación para a Seguridade Viaria (Fesvial)


A Cidade da Cultura acolle o próximo martes 30 de outubro a xornada A seguridade viaria na empresa. IX Encontro de boas prácticas que ten como obxectivo informar sobre a importancia que ten a prevención dos accidentes de tráfico laborais e de como poñer en marcha plans preventivos de seguridade viaria para, desde xeito, reducir o número de accidentes de tráfico no traballo.

O evento, que conta co apoio da Xunta, está organizado pola Fundación para a Seguridade Viaria (Fesvial) e tamén conta coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) e a Fundación CNAE.

O encontro está dirixido a profesionais do eido da prevención, da seguridade viaria e a directores e xerentes de empresas e institucións. Así, a xornada contará coa participación de administracións, sindicatos, patronais e empresas de distintos sectores que informarán e compartirán experiencias na prevención de accidentes viarios laborais. En representación da Administración autonómica está prevista a asistencia da directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja.

Na xornada incidirase sobre a importancia de que as empresas contemplen a seguridade viaria nos seus plans de prevención e que se avalíen os riscos correctamente para garantir a seguridade e a saúde dos traballadores.

Esta acción súmase ao talleres de condución cun simulador de alta inmersión para previr os accidentes laborais de tráfico que está a realizar o ISSGA en colaboración con Asepeyo co obxectivo de previr os accidentes laborais de tráfico e sensibilizar sobre a necesidade de implantar plans de mobilidade viaria e así facer fronte á sinistralidade que xeran os accidentes de tráfico, para garantir que os desprazamentos sexan o máis sustentables, saudables e seguros posibles.

Os obradoiros están tendo lugar nos centros do ISSGA emprazados nas catro provincias galegas. Xa tiveron lugar en Lugo e A Coruña e o 30 de outubro serán no centro de Pontevedra e o 13 de novembro no de Ourense.

Esta actividade contribúe a que os participantes sexan conscientes dos perigos durante os desprazamentos ao volante e sirvan de vehículo de transmisión do aprendido entre os seus compañeiros de traballo.

Os participantes teñen grazas a estes talleres a oportunidade de experimentar cun simulador que recrea todo tipo de situacións, coñecer os conceptos básicos de seguridade viaria e as distintas situacións que se poden atopar no tráfico rodado e que permite avaliar as habilidades de condución.

O ISSGA participa nestas iniciativas co obxectivo de expandir a cultura preventiva e poñer de manifesto que a seguridade e a prevención deben ser valores que toda a sociedade teña arraigados en todos os ámbitos, e no viario en particular.

Comentarios