O Naútico de Portosín recibe o diploma de participación na Rede Galega de Portos sen Fume

O Naútico de Portosín recibe o diploma de participación na Rede Galega de Portos sen Fume
O Naútico de Portosín recibe o diploma de participación na Rede Galega de Portos sen Fume

A iniciativa segue a filosofía das Praias sen fume e establece as áreas de recreo dos portos deportivos como zonas libres de tabaco

O director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez, fixo entrega onte ao presidente do Real Club Náutico de Portosín (Porto do Son), Jorge Arán Echabe, do diploma de participación na Rede Galega de Portos sen Fume.

A colaboración da Consellería de Sanidade coa Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, foi indispensable para poder conseguir o obxectivo da Xunta de Galicia de crear a Rede Galega de Portos sen Fume. O Goberno galego fixo chegar a proposta aos diferentes xestores portuarios solicitándolles a súa valoración e colaboración, coa fin de facer dos portos autonómicos contornas máis saudables e sustentables.

A iniciativa nace da boa aceptación e valoración entre a poboación galega dun proxecto similar que é a Rede Galega de Praias sen Fume, que se iniciou no ano 2016 coa fin de desnormalizar o consumo de tabaco na nosa sociedade, ampliando a prohibición de fumar a espazos abertos non incluídos na normativa vixente.

Como na iniciativa de Praias sen Fume, nos portos que se adscriban á rede non se pode fumar, e non existe vixilancia nin sanción para o cumprimento. Trátase dun compromiso persoal, promovendo a participación activa da sociedade en temas de saúde.

Todos os materiais de sinalización, así como os informativos e de sensibilización dirixidos a sociedade, serán facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que tamén se fará cargo do seguimento do proxecto.

Estas redes sen fume teñen como obxectivo ir aumentando a prohibición de fumar en espazos ao aire libre, mantendo a non vixilancia nin a sanción para o incumprimento, promovendo unha vida sen tabaco, e, ademais, recalcando a importancia da conduta positiva nos adultos ante os máis pequenos coa finalidade de que sexa visible para eles que o normal non é fumar.

Esta pilotaxe, que comezou este ano, xa conta coa participación de tres portos adscritos: o Club Náutico de Portonovo, que conta co diploma dende o pasado mes de setembro; o Real Club Náutico de Portosín e o Real Club Náutico de Ribadeo. O Monte Real Club de Yates de Baiona vén de expresar o seu desexo de participar na iniciativa nos vindeiros meses.

Comentarios