Diego Rojo, veciño de Ames, convértese no único español en completar a Spartathlon 2018

Diego Rojo, veciño de Ames, convértese no único español en completar a Spartathlon 2018
Diego Rojo, veciño de Ames, convértese no único español en completar a Spartathlon 2018

A proba, unha das máis complicadas do mundo, viuse endurecida pola entrada do ciclón Zorba no país heleno

A edición de 2018 da Spartathlon, que consiste en percorrer os 246 km que separan as cidades gregas de Atenas e Esparta en menos de 36 horas, contou coa participación do atleta amesán Diego Rojo. A proba, unha das máis complicadas do mundo, viuse endurecida pola entrada do ciclón Zorba no país heleno. 

Neste contexto, o atleta amesán conseguiu completar o percorrido en 35 horas e 41 minutos, converténdose no único español en rematar esta edición do ultramaratón.

Dende o momento no que foi seleccionado para participar na proba, que en palabras do deportista supón para moitos “a ultramaratón en asfalto máis dura do mundo, posto que existen 75 puntos de control con tempos de corte que te obrigan a correr en boa parte do percorrido, sobre todo no primeiro terzo”, comezou un duro adestramento. 

Así, para asistir á proba, o amesá enfrontouse a dous anos de preparación, e un intensivo adestramento durante o que percorreu máis de 5.000 quilómetros nos dez meses anteriores á proba, e que acompañou con exercicios de forza e mantemento da forma física.

Así, o 28 de setembro, ás 7:00 horas, os participantes partiron da saída, ao pé da acrópole ateniense. Por diante, quedáballes un complicado percorrido que este ano supuxo maior complicación, con respecto a anos anteriores, pola chegada do ciclón Zorba, que tomou terra con chuvias torrenciais, desbordamentos e ventos de máis de 100 quilómetros por hora.

Segundo palabras de Diego Rojo, os primeiros 81 quilómetros do percorrido pasaron placidamente, pero ao chegar ao segundo terzo da proba, “pouco antes de anoitecer, desatouse o inferno. A chuvia e o frío intensificáronse polo vento intenso, os pés tíñaos permanentemente empapados ao cruzar as numerosas balsas de auga, e a organización desbordouse nalgúns controis, onde non había auga quente para poder toma sopa ou té”.

A pesares dos problemas meteorolóxicos, o amesán puido manter case unha hora e media de vantaxe con respecto aos tempos fixados nos postos. Sen embargo, a falta de 75 quilómetros para chegar a Esparta, “a miña estratexia baseouse en sobrevivir e administrar o tempo de vantaxe, sen pararme nos controis mais que o necesario para camiñar mentres bebía algo quente e comía o xusto”.

Comentarios
Lo más