A USC, entre as mellores universidades do mundo nas áreas de Artes e Humanidades e de Educación

A USC, entre as mellores universidades do mundo nas áreas de Artes e Humanidades e de Educación

Tamén aparece destacada en Ciencias das Educación, Ciencias Sociais e Negocios e Economía

Ademais de incluíla na lista das mellores universidades do mundo pola súa valoración global, a edición 2019 de Times Higher Education (THE) por áreas de coñecemento sitúa a USC como unha das mellores da área de Artes e Humanidades e na de Educación. En ambos casos, a Universidade compostelá figura no intervalo 301-400 nunha listaxe para cuxa elaboración se teñen en conta os mesmos indicadores de rendemento da clasificación global recalibrándoos para adaptarse aos campos específicos.

Na clasificación correspondente a Arte e Humanidades, están englobados os estudos relativos a arte, artes escénicas, lingua, historia, filosofía, teoloxía, arquitectura ou arqueoloxía, entre outros. Nesta segmentación que THE realiza atendendo a distintas áreas de coñecemento e segundo os datos elaborados para a edición 2019, a USC tamén destaca no ámbito das Ciencias Sociais (501-600), e no 401-500 de Negocios e Economía.

Na elaboración das clasificacións, THE toma como referencia trece indicadores agrupados en cinco áreas: ensinanza (30% do valor da nota global), investigación (30%), citacións (30%), transferencia de coñecemento (2,5%) e a perspectiva internacional (7,5). No caso dá área de ensino, o indicador de maio valor son os resultados dunha enquisa de valoración sobre as institucións avaliadas, combinado con outros como a ratio profesorado/alumnado ou a ratio entre doutoramento/alumnado graduado, entre outros.

Na valoración do apartado da investigación, ademais de datos de produtividade ou ingresos por investigación o indicador de maior valor tamén é unha enquisa sobre a reputación de cada universidades neste ámbito específico. No caso das citacións tómanse en consideración as mencións rexistradas a través de Elsevier. Para a perspectiva internacional avaliáronse os datos relativos a alumnado e profesorado internacional e colaboracións con outros países.

Comentarios