Medio millón de euros para a mellora da pavimentación dos viais de Touro

Medio millón de euros para a mellora da pavimentación dos viais de Touro

As obras, que suman un investimento de medio millón de euros contribuirán a renovar numerosas infraestruturas municipais e inclúen a construción de beirarrúas e a pavimentación de numerosos núcleos, camiños, pistas e estradas municipais

O Concello de Touro vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado os anuncios de licitación de nove obras de mellora de camiños financiadas a través do no Plan Único (POS+2018) da Deputación da Coruña.

As obras, que suman un investimento de medio millón de euros contribuirán a renovar numerosas infraestruturas municipais e inclúen a construción de beirarrúas e a pavimentación de numerosos núcleos, camiños, pistas e estradas municipais. As empresas interesadas en participar no proceso de contratación poden presentar as súas ofertas até o vindeiro 19 de novembro.

Pavimentacións nos núcleos de Bama e Vilanova (Besexo), construción de beirarrúas en Goleta de Abaixo, melloras nas pistas municipais en Turces do Monte a Lanzá, de Calvos a Cornado, de Fonte Díaz a Mourelos, da Barreiriña á Bugalleira ou de Foxás a Camporraopado, así como a construción dunha cuneta de seguridade en Chaos (Quintáns) son algunhas das obras que serán executadas cos fondos do Plan Único, que en só dous anos supoñen un investimento de2 millóns de euros no Concello de Touro e de máis de 54,3 millóns de euros nos concellos da comarca compostelana.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia do Plan Único para os concellos da provincia, especialmente para os máis pequenos, con menos recursos técnicos e económicos.

González Formoso destacou que o Plan Único conta co maior orzamento dun plan na historia da Deputación (182 millóns de euros no bienio 2017-2018) e permite que sexan os propios concellos, os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños, os que decidan cales son os investimentos que queren acometer con cargo a este plan provincial, o máis ambicioso das catro deputacións galegas.

800 obras e redución de 9,5 millóns de débeda

Nos seus dous anos de vida, o novo Plan Único (POS+2017 e POS+2018) da Deputación da Coruña financia a execución de preto de 800 obras de construción ou mellora de infraestruturas públicas nos 93 concellos da provincia da Coruña, contribúe a costear servizos públicos básicos como o alumeado, mantemento de viais ou a recollida de lixo, e favorece que os concellos amorticen máis de 9,5 millóns de euros da súa débeda con entidades bancarias.

O Plan Único baséase a tres principios fundamentais: máis transparencia e obxectividade na asignación de recursos, porque o reparto de fondos non se efectúa de xeito discrecional, senón que se basea en criterios obxectivos empregados dende hai máis de dúas décadas no POS (poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal) que xeran un consenso importante entre os concellos; máis autonomía local, porque son os propios concellos, os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños, os que deciden cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos que achega a Deputación; e máis saneamento financeiro, porque o plan conta con mecanismos para que os concellos podan destinar parte dos fondos a pagar facturas pendentes, reducir a súa débeda ou financiar parte do seu gasto corrente.

Comentarios