A XXXII edición de Cineuropa arranca o vindeiro 7 de novembro

A XXXII edición de Cineuropa arranca o vindeiro 7 de novembro

O rexedor municipal o encargado de anunciar que o realizador Isaki Lacuesta, a actriz Ángela Molina e o actor Antonio Durán "Morris" recibirán os Premios Cineuropa 2018

Do 7 ao 28 de novembro, Compostela acolle a trixésimo segunda edición do festival Cineuropa. Ao redor de 300 filmes incluídos en 21 seccións, nun certame que medra este ano en proxeccións e espazos de exhibición, e que mantén a aposta pola calidade cinematográfica dos anos anteriores. Será o filme La noche de 12 años, do realizador montevideano Álvaro Brechner, o escollido para a apertura desta edición nunha sesión inaugural que terá lugar o mércores 7 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, e que contará coa participación da artista plástica, música e cantante Queyi.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou en rolda de prensa a mostra, acompañado da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director de Cineuropa 32, José Luis Losa.

Foi o rexedor municipal o encargado de anunciar que o realizador Isaki Lacuesta, a actriz Ángela Molina e o actor Antonio Durán "Morris" recibirán os Premios Cineuropa 2018 e protagonizarán varias sesións de proxección con entrada libre previa retirada de convites no Teatro Principal.

Tras o éxito da convocatoria do pasado ano, Cineuropa aposta por darlle continuidade ao Xurado Novo, que novamente comporán sete mozas e mozos e que entregarán Premios á Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina. O convite a participar neste xurado non se limita ao estudantado universitario, senón que procura achegarse a toda a mocidade interesada no cinema. Alén do requisito de idade, esíxese dispoñibilidade para ver a selección de filmes que se someten a avaliación nas sesións de #Cineuropa32.

35 filmes na Sección Oficial Europea

Entre dos aguas, filme co que Isaki Lacuesta vén de acadar a súa segunda Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián, abrirá o xoves 8 unha das seccións máis agardadas de Cineuropa coas propostas máis recentes e innovadoras do cinema europeo. Ofrece unha ampla selección dos filmes máis aplaudidos do último ano no circuíto de festivais, cos últimos traballos de cineastas xa veteranos deste festival como László Nemes (Premio FIPRESCI no Festival de Venecia), o celebrado autor e A vida dos outros, Florian Henckel, Paolo Sorrentino, Paolo Virzì; e de novos e prometedores cineastas como Louis Garrel (que vén de ser galardoado co premio ao mellor guión (ex aequo) no Festival de Cine de San Sebastián co seu segundo filme), Alisa Berger, Adina Pintilie (Oso de Ouro na Berlinale coa súa primeira longametraxe de ficción), Yann Gonzalez ou Sonja Prosenc, cineastas todos eles dos que seguiremos oíndo falar.

26 fitas do Panorama Internacional

Os prezados e xa veteranos cineastas Lúcia Murat, Hirokazu Kore-eda, Nuri Bilge Ceylan, Jafar Panahi, Gastón Duprat e Carlos Reygadas comparten sección con outros de imparable ascendencia, como Albertina Carri, Flavia Castro ou Eugenio Canevari, que xa nos visitara no 2015 coa súa opera prima, Paula. Mención especial merece Mariano Llinás, un dos autores arxentinos de referencia, que visitará este festival para presentar o seu último filme, La flor, un dos acontecementos cinematográficos do ano, con máis de trece horas de duración.

Outras seccións e actividades

Alén dos programas mencionados, o festival inclúe seccións ben coñecidas polo público de Cineuropa como LatidoAmericano, Fantastique Compostela, Docs Cineuropa, Cinefilias, Cult Movies (que inclúe unha lembranza especial ao cineasta Claude Lanzmann) e o tradicional Maratón. Como novidade, ofrecerase una ampla retrospectiva dos 100 anos de cine romanés, cinematografía que pedía a voces un espazo propio debido á súa enorme calidade, de obrigada e inevitable presenza nas últimas edicións deste festival. O filme A guerra da independencia abrirá este ciclo cunha proxección acompañada pola improvisación en vivo da pianista de orixe romanés Mihaela Duma.

A marea ilusionantemente incontida do actual feminismo estará representada na sección O Presente é Muller, conformada por filmes de imprescindible visionado polas súas temáticas: o aborto, a violencia de xénero, a invisibilidade feminina dos grandes eventos históricos, a identidade e a libre sexualidade. Esta sección verase complementada por dous interesantes programas abordados desde unha perspectiva feminista: Mulleres Experimentalistas en América Latina e unha mostra en colaboración co Centro Simone de Beauvoir dentro do programa Wom@rts, dirixido polo Auditorio de Galicia e financiado polo programa Europa Creativa.

O xa tradicional ciclo temático do festival, formado por máis de 100 filmes, pon nesta edición o foco na necesidade de preservar e garantir un elemento esencial no devir da libre creación artística e de calquera sociedade libre e democrática: o dereito a escandalizar. Cineuropa busca así abrir as portas ao debate sen leis nin mordazas.

O catálogo desta edición inclúe de novo unha sección dedicada ao Cinema e Dereitos Humanos, centrada esta vez naqueles filmes que remiten á necesidade de recuperar a memoria histórica; unha ollada retrospectiva ás obras dos irreverentes cineastas Eloy de la Iglesia e Koji Wakamatsu; o ciclo para a rapazada Cineuropa Miúda, que inclúe sesións matinais para escolas, e o Panorama Audiovisual Galego, que contempla as preestreas das respectivas óperas prima de Eloy Domínguez Serén e Xacio Baño. Aproveitando a acollida do Campionato do Mundo de Xadrez en Santiago de Compostela, celebraranse unha serie de sesións matinais no Museo das Peregrinacións baixo o título de Cinema e Xadrez. A proxección dese clásico do cinema expresionista que é O gabinete do doutor Caligari, cuxa banda sonora será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta do director Helmut Imig, complementará a programación deste #Cineuropa32.

Sedes do festival

Xunto o Teatro Principal, o Salón Teatro, a sede de Afundación, o cinema Numax, o Auditorio de Galicia e os Multicines Compostela, a rede de pantallas do festival esténdese a outras zonas da cidade coa incorporación Sala Agustín Magán do Centro Cívico Santa Marta e o Museo das Peregrinacións e de Santiago. 

Comentarios