Lois Pérez: "Sobran motivos pra buscarmos versos, pra protestar ou pra soñar outro país posíbel e necesario"

Lois Pérez: "Sobran motivos pra buscarmos versos, pra protestar ou pra soñar outro país posíbel e necesario"

Lois Pérez (Lugo, 1979) gañou o premio aRi[t]mar co poema 'Blues do rei Bergman = B.B.King'

Lois Pérez (Lugo, 1979) gañou o premio aRi[t]mar co poema 'Blues do rei Bergman = B.B.King' e explica nesta entrevista que unha lingua "é tamén un xeito de nomear a realidade e nós facémolo en galego". "Tamén podes pedir cervexas e outras bebidas espiritosas propias dun escritor sen problemas en Portugal ou no Brasil, no Mozambique ou Cabo Verde, probabelmente incluso en Sanjenjo", afirma.

- Que representa para ti gañar este premio?

Pra min representa unha ledicia e un bonito espellismo: o de recibir un premio de poesía e albergar a dubidosa ilusión de que eu fose poeta; tamén, a de gozar do apoio da xente que me aprecia e que me votou (ben polo afecto, ben pola poesía; ou incluso malia a miña poesía!) así como ser lido polas comunidades educativas das Escolas de Idiomas galegas e portuguesas; xa era premio abondo figurar de finalista canda outras poetas que admiro enormemente.

- Como valoras a situación actual da poesía en Galicia?

Penso que hai unha visibilización moi importante de novos talentos, en especial das mulleres, que sempre estiveron aí, pero que non sempre tiveron a oportunidade de visibilizar a súa obra como acontece agora. No tocante á situación actual, vivimos nun país desfeito por demasiados gobernos do Partido Popular... E a poesía nace da dor, en parte. Nese senso, sobran motivos pra buscarmos versos, pra protestar ou pra soñar outro país posíbel e necesario. Así e todo, non aspiro a cambiar o mundo, confórmome con cambiar o meu mundo. Resumo: a poesía é un arma cargada de futuro, o carallo é que o futuro é do Banco Santander Central Hispano.

- Que fortalezas atopas no uso do galego como escritor?

Fundamentalmente que reflicte sen filtros o que eu penso, e penso sempre en galego; non é unha garantía pero en chinés sáeme peor. E unha lingua é tamén un xeito de nomear a realidade e nós facémolo en galego. Tamén podes pedir cervexas e outras bebidas espiritosas propias dun escritor sen problemas en Portugal ou no Brasil, no Mozambique ou Cabo Verde, probabelmente incluso en Sanjenjo. E acontecen achádegos lingüísticos froito do diálogo inter-incultural: en Portimao, na Taberna da Maré -onda o Restaurante Dona Barca- pedín un "café sozinho" e a camareira preguntou: "sozinho mesmo?" E eu díxenlle: "sozinho mesmo... Case abandonado".

- Que lle transmitirías á xente que está a comezar na poesía?

Que tomen un café sozinho na Taberna da Maré en Portimao sen pensar na soidade. Que apracen a escrita e os delirios de grandeza nunha lingua minoritaria, que coiden e amen a súa muller e o seu fillo, que lean moito e que escriban pouco e que vivan inda máis. Que apunten nun papel o que saiban de poesía e que o tiren ao lixo. Que pensen en: que Pondal escribía de pé, que Thomas Wolfe tamén escribía de pé e usaba de escritorio a neveira, que hai cadeiras baratas no Ikea de Porto -nunca o da Coruña-, e escritorios máis baratos inda, que vistan foulard ou bufanda inda que camiñen en coiros polo Ikea, que eviten a Paulo Coelho pero que frecuenten a Anne Marie Morris, a Pessoa, a Novoneyra, a Mezz Mezrow e que o século XXI será o século en que o xabaril devorará as nosas cidades e conquistará o mundo e disto non fala nin Cristo no Instagram, que a poesía non paga as facturas pero axuda a esquecerse de pagalas... Así como o máis importante, isto. E sobre todo que non lle fagan caso ningún a poetas premiados, son os peores.

Comentarios