A cidade volverá a cubrirse de negro para mostrar o seu rechazo contra as violencias machistas

A cidade volverá a cubrirse de negro para mostrar o seu rechazo contra as violencias machistas

Do 12 ao 16 de novembro realizarase o reparto de materiais aos establecementos que confirmen a súa adhesión a Compostela en Negro

A concelleira de Igualdade, Marta Lois, deu conta onte das actividades e accións organizadas no marco da campaña En negro contra as violencias, deseñada polo Concello de Santiago co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas.

Este ano, a acción ábrese coa presenza dun autobús urbano completamente tinguido de negro, da empresa Castrosua, que circulará pola Liña 1 e que ademais percorrerá barrios e parroquias co gallo de chegar ás mulleres do rural. Alí, impartiranse distintos talleres e realizaranse actividades coas mulleres do rural, que veñen a completar os obradoiros de empoderamento que tamén se están a levar a cabo no mes de novembro.

O xoves 8 e o venres 9, o Centro Cívico das Fontiñas acolle unhas Xornadas técnicas sobre delitos contra a integridade sexual, organizadas en colaboración co Grupo de Cidadás Inquietas de Compostela. O obxectivo destas xornadas formativas é mellorar a coordinación entre profesionais do ámbito educativo, sanitario, social e xudicial que interveñen en delitos sexuais no Partido Xudicial de Santiago de Compostela.

Do 12 ao 16 de novembro realizarase o reparto de materiais aos establecementos que confirmen a súa adhesión a Compostela en Negro. Do 19 ao 23 estableceranse varios puntos de reparto nalgúns equipamentos municipais como a Casa das Mulleres Xohana Torres ou o CIM, onde a poboación poderá recoller material da campaña co obxectivo de cubrir de negro a cidade ata o 25 de novembro.

Marcela Lagarde

O 19 de novembro será o día das Conversas Feministas con Marcela Lagarde. A recoñecida antropóloga, investigadora e catedrática da UNAM, Marcela Lagarde é autora de numerosos estudos de xénero, feminismo, desenvolvemento humano, autonomía das mulleres, etc. Acuñou o termo feminicidio para describir a situación da violencia contra as mulleres en Ciudad Juárez, que logo se estendeu por todo o mundo. A cita é na Sala Capitol a partir das 19:30 horas.

Implicación dos IES

O 23 de novembro, a praza do Obradoiro volverá ser un dos puntos centrais da campaña. Con ese obxectivo cubrirase de negro e implicarase aos institutos da cidade, de tal xeito que cada un elixirá un alumno ou alumna para que dean lectura a unha parte do manifesto institucional contra as violencias machistas. Tamén se realizará unha performance por parte do Colectivo LAG que leva por título "Ata que a morte nos separe".

Campaña transversal

A loita contra as violencias e a procura da igualdade real entre homes e mulleres é unha cuestión que vai máis alá do departamento de Igualdade. Por iso, dende Deporte ou Acción Cultural estanse a levar a cabo accións dentro da campaña.

No caso de Acción cultural, o Auditorio de Galicia acolle no marco de Cineuropa a proxección de varias películas procedentes do arquivo feminista Simone de Beauvoir de París. Así, o 24 de novembro, as 19:30 horas, proxectarase Sé fermosa e cala, e o 25 de novembro Maso e Miso van en barco (18:45 horas) e, a partir das 20:00 horas, A marcha das mulleres a Hendaia, LIP: Monique et Christiane e Violación conxugal, violación a domicilio.

Ademais destas películas, hai un ciclo específico que leva por nome "O presente é muller" no marco do programa W@marts e que ten como obxectivo visibilizar as mulleres cineastas e directoras. Así, proxectaranse en varios espazos e durante varios días 1048 lunes/1048 lúas, Conversaciones arededor de un piano que vino de Europa, Cabanas. Mujeres en revolución, Julia y el zorro, Kazarken: en creusant, Khrustal/Cisne de cristal, La cena blanca de Romina, Las hijas del fuego, Luz obscura, Marlina asasina en catro actos, Primas e Tempo común.

O Estadio Municipal de San Lázaro tinguirase tamén de negro coa colocación dunha lona na grada de preferencia que os e as afeccionadas da SD Compostela poderán ver durante o partido que enfrontará ao equipo da cidade co Choco o vindeiro 18 de novembro. Tamén o Santiago Futsal volve sumarse á campaña vestindo de negro no partido que o enfrontará ao Rivas o vindeiro 25 de novembro. O Departamento de Mocidade tamén colabora coa campaña coa colocación, no Centro Xove da Almáciga, dunha banda deseñada elaborada tras a presentación do estudo sobre as violencias machistas na adolescencia temperá.

102 concellos

En negro contra as violencias naceu en 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela en negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.

Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, en 2016, xa 16 concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro contra as violencias. Neste 2018, son 102 os concellos adheridos, que intentan así situar na axenda política esta loita, aos que se sumaron tamén 3 deputacións provinciais. 

Comentarios