A Fundación DIDAC acolle unha conferencia de Román Padín

A Fundación DIDAC acolle unha conferencia de Román Padín

A charla fai un percorrido pola escena artística da época salientado publicacións, exposicións e os traballos de deseñadores como Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Gene Cabaleiro e Luís Fortes entre outros

O ciclo de conferencias Galicia. Un século de creación segue a reflexionar sobre a creatividade en Galicia. Hoxe martes 6 de novembro ás 19:00 horas na Fundación DIDAC en Santiago de Compostela terá lugar a conferencia de Román Padín. O solpor do século XX, alborada de moda. O solpor do século XX trouxo unha alborada para a moda e o deseño. 

A charla fai un percorrido pola escena artística da época salientado publicacións, exposicións e os traballos de deseñadores como Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Gene Cabaleiro e Luís Fortes entre outros. 

O ciclo de conferencias "Galicia. Un século de creación. 1916-2016" forma parte do proxecto DIDAC Arteria Galicia que dende hai un ano vense desenvolvendo na Fundación DIDAC. Este proxecto, que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña e que desenvolverá agora a súa parte, naceu coa idea de afondar no patrimonio cultural de Galicia e a súa creatividad, contando coa colaboración de recoñecidos profesionais da arte, a arquitectura e o deseño, así como outras manifestacións artísticas. A entrada é gratuita ata completar aforo.

Román Padín Otero (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1966) é licenciado en Dereito e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo coa tese A articulación da moda no espazo museístico no cambio de milenio. Traballou en diversos sectores industriais, comerciais e artísticos. Dende o ano 2000 é colaborador periódico en prensa escrita e online en temas culturais en publicacións como O Correo Galego, Faro de Vigo, Artnotes, Wart, Magalari, Cavatina, Anuario del diseño, Revista El Duende, Revista Looc ou Serendipia. Tamén colaborou en festivais como o Via Stellae e institucións como Auditorio de Galicia ou CGAC e dictou conferencias sobre moda e arte na Universidade de Vigo e Universidade de Santiago, Museo de Reproducciones de Bilbao e o MAC de A Coruña. Dende 2008 é profesor invitado en Esdemga.

MINI-DIDAC

Pola súa parte o sábado 10 de novembro terá lugar dentro do programa MINI-DIDAC que quere achegar a arte contemporánea e o deseño aos máis cativos, un obradoiro co artista Antón Reixa e a educadora cultural Alba Cacheda. Con motivo da exposición MICHIGAN / Acaso Michigan que se celebra na Fundación DIDAC ata o 13 de novembro, preparamos este obradoiro para achegar a narrativa e o audiovisual ás nenas e nenos. Dentro do programa MINI-DIDAC, a actividade contará coa presenza do artista, produtor e escritor Antón Reixa e a educadora Alba Cacheda.

O obradoiro comezará con unha performance/acción coa que reflexionaremos sobre o soño. A segunda parte estará adicada a preparación dun relato que poderá ser feito polos participantes a través da escrita, o debuxo, a pintura, etc.

Tentaremos achegar aos nenos ás sensacións de Antón Reixa a través das imaxes dos soños e o que pensamos cando durmimos. Interactuaremos coa instalación de Antón Reixa e realizaremos un traballo creativo que nos axude a achegarnos a estas ideas.

O obradoiro está pensado para nenas e menos de 5 a 9 anos e terá lugar de 12.00 a 13.30 na Fundación DIDAC.

Comentarios