Os socialistas acusan á Xunta de "tapar a falla de xestión" de Feijóo

Os socialistas acusan á Xunta de "tapar a falla de xestión" de Feijóo
Foto de archivo
Os socialistas acusan á Xunta de "tapar a falla de xestión" de Feijóo

A responsable socialista alertou fronte ao “modelo de xestión” cultural demostrado polo goberno galego coa xestión do festival musical O Son do Camiño

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou hoxe ao goberno galego de utilizar o Xacobeo 21 como pantalla para “tapar a fallade xestión de Feijóo, do que non ten feito pola educación, o emprego ou a sanidade”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo no Pleno do Parlamento, na que o responsabilizou de que os hábitos culturais en Galicia estean “debaixo de tódalas Autonomías”.

Burgo reivindicou unha xestión “coa debida seriedade” para preparar o próximo Xacobeo, que contará cun orzamento de 30 millóns de euros, un programa que presentan como unha “fonte inesgotable de ilusión e orgullo” que, puntualizou, “o gramo de orgullo sae carísimo”. Criticou así a falla de previsión sobre o impacto deste certame para o PIB ou o emprego de Galicia, así como as repercusións posteriores para a economía galega.

A responsable socialista alertou fronte ao “modelo de xestión” cultural demostrado polo goberno galego coa xestión do festival musical O Son do Camiño, no que investiron 3 millóns de euros concedidos “a dedo”. Acusou á Xunta de ter agochado o expediente do contrato, que leva 6 meses sen remitírllelo ao Parlamento cando o prazo obrigado era de 30 días.

Ademais, apuntou á polémica decisión da Xunta de destinar 300.000 euros para que o cantante Enrique Iglesias gravara un videoclip en Galicia cando deixan “festivais culturais con moitísimo menos diñeiro”, o que fixo do goberno galego “o hazmerreir de tódalas administracións turísticas”.

Cuestionou que teñan destinado 19 millóns a publicidade do Xacobeo só neste ano, mentres a rehabilitación só recibirá 7,8. Reclamou neste sentido que “fagan as campañas como se debe de facer” e ironizou con que no pasado verán “o meu barrio estaba cheo de carteis dicindo ven a Galicia, o que me provocou certo problema de ubicación porque eu pensaba que xa estaba en Galicia”, polo que recomendoulles que “afinen máis” e fagan campaña “nos mercados emisores”.

Advertiu ademais das consecuencias desa “obsesión polo Xacobeo”, que os leva a supeditar Patrimonio a Turismo, provocando situacións como a do Castelo de Monterrei, no que construíron un Parador innecesario provocando graves danos a un ben patrimonial. Reivindicou que Patrimonio estea “por riba de Turismo” e facerse cargo así por exemplo do mantemento dos camiños, para evitar danos a este ben cultural.

A responsable socialista advertiu que coa comparecencia de hoxe o conselleiro de Cultura sinalou que “o principal é planificar”, co que “admitiu que estaban facendo cultura sen planificación de ningún tipo” e por iso teñen situado a Galicia cos “índices de hábitos culturais por debaixo de tódalas comunidades autónomas”.

Hábitos culturais

O 30 por cento dos galegos e galegas, dixo, non le ningún libro, un dos índices máis baixos de España, e len tan só “algún libro ao ano” o 57 por cento, 10 puntos por debaixo da media do Estado, segundo os datos do Observatorio da Cultura Galega. A pesares desta situación, dixo, “seguimos sen ter ningún plan de fomento da lectura logo de 10 anos de goberno do PP” o que evidencia que “non lles interesa”.

As cifras revelan ademais que o 44 por cento dos galegos e galegas nunca visitan un museo, o 82 por cento nunca ven unha obra de teatro –a última Comunidade Autónoma do Estado-, e a última no uso do ordenador con fins culturais, e a penúltima no gasto en cultura por familia.

Acusou ao goberno galego de manter a rede de bibliotecas locais nunha “pésima situación”, co 70 por cento delas sen instalacións nin equipamentos informáticos, e 106 bibliotecas pechadas por falla de recursos, logo de ter aplicado un recorte do 78 por cento nos investimentos en bibliotecas e libro. A súa desatención, explicou, provoca unha drástica caída das publicacións do libro en galego, que diminuíron un 43,8 por cento entre 2008 e 2015.

Comentarios