"Mapa Mudo" gaña o Concurso Literario Mazarelos

"Mapa Mudo" gaña o Concurso Literario Mazarelos

O Concurso Literario ‘Mazarelos’ busca fomentar a creatividade da mocidade universitaria e o desenvolvemento da súa capacidade de expresión

A IV edición do Concurso Literario ‘Mazarelos’, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, xa ten gañadora. O primeiro premio correspondeulle á obra Mapa mudo, a proposta poética de Arancha Nogueira que, segundo o xurado, “poetiza a memoria da súa intimidade cunha linguaxe depurada”. 

O segundo premio do certame foi para Xente da crise, de Xian Lois Alcayde Dans, “que sobrancea pola frescura do seu estilo e polo esforzo en construír unha linguaxe propia nunha obra que se revela testemuña do seu tempo”. O xurado outorgoulle o terceiro premio ao conxunto poético Do van, presentado por Benjamín Vidal Estévez e no que destaca o contraste entre unha linguaxe aparentemente sinxela e unha maior carga conceptual. 

A esta cuarta edición do certame presentáronse 35 propostas literarias, que foron valoradas por un xurado forma polos escritores Yolanda Castaño e Suso de Toro, os profesores Laura Lojo e Francisco Dubert, e a estudante de doutoramento e premiada na primeira edición deste certame, Laura Camino Plaza. 

O Concurso Literario ‘Mazarelos’ busca fomentar a creatividade da mocidade universitaria e o desenvolvemento da súa capacidade de expresión, así como contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura. A entrega de premios acontecerá o 12 de decembro na Facultade de Filoloxía. 

Comentarios