Volta á rutina do Santiago Futsal

Volta á rutina do Santiago Futsal

Esta fin de semana disputarase a 9ª Xornada da Segunda División da LNFS, na cal os de Santiago recibirán a Manzanares FS o sábado ás 19:00 horas

Finalizado un 'movido' mes de Outubro para o Santiago Futsal; no que afrontou dúas eliminatorias de Copa do Rei ante Zamora FS (3-4) e Aspil Vidal Ribeira Navarra (0-5), dous derbis galegos ante Noia Portus Apostoli (2-3) e Pescados Rubén Burela FS (3-9) e dous encontros esixentes de Liga contra Real Betis Futsal (3-4) e Axa Fita Port Elxe (5-2), os de Santiago comezaron o mes de Novembro acadando un valioso empate na pista do FC Barcelona B (1-1).

Ás portas da 9ª Xornada de Liga, os santiagueses contan con 7 puntos na súa marcadora nunha competición que, cada vez máis, prevese competida e igualada a partes iguais. Esta fin de semana disputarase a 9ª Xornada da Segunda División da LNFS, na cal os de Santiago recibirán a Manzanares FS o sábado ás 19:00 horas en Santa Isabel. O conxunto visitante, que actualmente se asenta na 6ª posición da táboa, chega a Santiago tras cultivar un empate ante o líder Pescados Rubén Burela FS (2-2).

Onte os xogadores do Santiago Futsal Dani Blanco e Everton, acompañados polo preparador físico Dani Vilas, visitaron ao alumnado do CEIP Camiño Inglés de Oroso; un evento enmarcado dentro das actividades de formación e fomento da concienciación ambiental que o club realizará ao longo do curso académico. Ademais, xogadores e corpo técnico compartiron inquietudes e anécdotas deportivas cos alumnos, aos que tamén convidaron o encontro do sábado.

Comentarios