Dous anos e medio de prisión para unha monxa de clausura por desfalcar 17.500 euros

Dous anos e medio de prisión para unha monxa de clausura por desfalcar 17.500 euros
Foto de arquivo
Dous anos e medio de prisión para unha monxa de clausura por desfalcar 17.500 euros

A acusada, que administraba o mosteiro da Visitación de Santa María de Vigo, enfróntase a dous delitos de estafa e falsidade en documento mercantil.

A Fiscalía de Vigo solicitou dous anos e medio de prisión para unha monxa de clausura acusada de cobrar cheques por valor de 17.500 euros a cargo da súa orde, así como de timar en dúas ocasións á súa farmacéutica de confianza. A imputada enfróntase por estes feitos a dous delitos continuados de estafa e de falsidade en documento mercantil, para os que a Fiscalía rebaixou a petición de pena porque a monxa recoñeceu parcialmente os feitos ante a superiora do seu convento.

A acusada, que administraba o mosteiro da Visitación de Santa María de Vigo, en Teis, ingresara en 2006 na orde das salesas reais, unha comunidade de clausura papal de réxime pechado. A Fiscalía sostén que a monxa tería aproveitado o seu cargo como administradora para apoderarse de varios cheques ao portador que reencheu, asinou e cobrou entre novembro de 2016 e maio de 2017.

Na reconstrución dos feitos, o ministerio público constatou que a monxa chegou a facer efectivo o cobro de oito cheques en diferentes entidades bancarias ata levantar as sospeitas da congregación, o que lle impediu continuar cos cobros. Pouco despois, a acusada recoñecía os feitos perante a superiora do convento a través dunha carta.

Por outro lado, tamén podería ter abusado da confianza da súa farmacéutica, á que pediu 800 euros facéndolle crer que necesitaba os cartos.

Nun principio, estaba previsto que o xuízo se celebrase onte no Xulgado do Penal número 1 de Vigo, pero foi suspendido e adiado para día 20 de novembro.

Comentarios