A Xunta do Ateneo reúnese con Antonio López, reitor da USC

A Xunta do Ateneo reúnese con Antonio López, reitor da USC

Ambas as dúas partes coincidiron en impulsar a posta en marcha do proxecto do Xardín Botánico que consideran de gran importancia

Unha ampla delegación da Xunta Directiva do Ateneo de Santiago, encabezada polo seu Vicepresidente Manuel López-Rivadulla Lamas, mantivo unha xuntanza co Reitor da Universidade de Santiago Antonio López Díaz.

Perante o transcurso da mesma tratouse o reforzamento da relación entre a USC e as entidades cívicas e culturais de Santiago, que posibilite un maior achegamento e comprensión das actividades e demandas da Universidade entre a cidadanía e un maior apoio ao transcendental papel que ten que xogar no desenvolvemento da cidade de Santiago.

Ambas as dúas partes coincidiron en impulsar a posta en marcha do proxecto do Xardín Botánico que consideran de gran importancia, non xa para a institución universitaria nos eidos da docencia e a investigación senón para dotar á sociedade compostelá dun equipamento que sirva para a educación e formación medioambiental e a conservación da biodiversidade territorial.

Igualmente, acordouse a actualización do vixente Convenio de colaboración entre a USC e o Ateneo de Santiago que posibilite afondar, non xa na organización de actividades conxuntas nos eidos cultural e educativo senón en novos espazos de cooperación entre ambas as Entidades.

Comentarios