Critican a "chapuzada" da Tarxeta Benvida

Critican a "chapuzada" da Tarxeta Benvida

Blanco explicou que estas axudas “chegan moi tarde”, cunha tardanza media de entre 4 e 5 meses e casos nos que as demoras superan o medio ano

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, cualificou hoxe de “chapuzada” a xestión da Tarxeta Benvida por parte do goberno galego, con retrasos que en ocasións superan os seis meses. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei dirixida a axilizar o pago das axudas para garantir que sexan abonadas nun prazo dun mes dende a súa solicitude.

A responsable socialista ironizou con estas axudas sinalando que “ímola ter que rebautizar como tarxeta despedida”. Explicou que a xestión e escaseza de axudas posteriores do goberno, a mensaxe que envían é “despídanse vostedes de ter do goberno galego un apoio económico estable, previsible e continuado no tempo” para afrontar os elevados custes que supón o coidado nos meniños e as meniñas.

Blanco explicou que estas axudas “chegan moi tarde”, cunha tardanza media de entre 4 e 5 meses e casos nos que as demoras superan o medio ano. Daquela, dixo, os pais e nais xa tiveron que asumir os custes das vacinas que non cobre a Seguridade Social, así como moitos dos gastos en cueiros ou, no seu caso, biberóns para os pequenos e as pequenas.

As familias agardan así polas axudas con “desconcerto e preocupación”, por canto o decreto que regula estas axudas determina que “no prazo de catro meses sen recaer resolución expresa a solicitude tense por desestimada”. Os pais e nais non saben así se hai un retraso ou é que se lles denegaron as axudas, xa que o teléfono de dúbidas está desatendido e o correo electrónico que figura é respondido tarde e de forma moi breve.

Comentarios