Condenan ao SERGAS a pagar 100.000 euros a unha paciente que sofre parálise facial por unha operación

Condenan ao SERGAS a pagar 100.000 euros a unha paciente que sofre parálise facial por unha operación

O tribunal desestimou os recurso de apelación interpostos polo Sergas e Segurcaixa Adeslas e confirmou a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo en febreiro deste ano

A Sección Primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG confirmou que o Sergas debe indemnizar con 99.644 euros a unha paciente que sofre unha parálise facial avanzada debido á lesión dun nervio provocada durante unha operación no hospital Meixoeiro de Vigo en xaneiro de 2009. A muller foi intervida cirurxicamente porque sufría hipoacusia bilateral (unha incapacidade para detectar sons nos oídos, ben sexa parcial ou totalmente). 

O tribunal desestimou os recurso de apelación interpostos polo Sergas e Segurcaixa Adeslas e confirmou a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo en febreiro deste ano.

Os maxistrados rexeitan no fallo a solicitude de prescrición do Sergas, pois subliñan que, desde que se estabilizaron e consolidaron as secuelas ata que a afectada presentou a reclamación, en outubro de 2014, non transcorreu o prazo dun ano ao que se refire a Lei 30/1992.

“Os prexuízos non puideron ser determinados no momento da intervención cirúrxica”, recalcan os xuíces, polo que consideran que o prazo para presentar a reclamación debe contabilizarse desde o día no que se coñeceron definitivamente os efectos das secuelas. 

O tribunal considera acreditado que tanto o déficit auditivo como a funcionalidade da parálise facial “evolucionaron e se alteraron” desde a operación, en 2009, ata o 6 de outubro de 2014, cando se deron por estabilizados.

O TSXG tamén rexeitou diminuír a contía dos días non impeditivos, o que comportaría unha rebaixa na indemnización por este concepto, tal e como demandaba o Sergas. “Están debidamente xustificados os 2.070 días non impeditivos polos que a sentenza outorga os 65.060 euros solicitados, que teñen a súa base no baremo de circulación de vehículos de motor”, indican os xuíces, que subliñan que á hora de calcular a indemnización hai que ter en conta a imposibilidade de corrección da parálise facial, a súa visibilidade e a súa afectación directa na área da faciana. 

Comentarios