A Biblioteca de Ánxel Casal celebra o Día das Librarías

A Biblioteca de Ánxel Casal celebra o Día das Librarías

A actividade desenvolverase o venres 9 de novembro ás 19:30 horas no salón de actos e a entrada é libre ata completar a capacidade da sala

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal súmase á celebración do Día das Librarías e acolle, no marco da súa programación de novembro, a sesión de contacontos para adultos "Os contos que me contan" a cargo de Paula Carballeira. A actividade desenvolverase o venres 9 de novembro ás 19:30 horas no salón de actos e a entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Os contos que nos conta alguén e que nós escollemos para contar teñen unha orixe. Ás veces naceron tanto tempo atrás que se perden na néboa da memoria, pero en ocasións permanecen agochados entre as páxinas dun libro ata que collen folgos nas nosas palabras. Quen os escoita debería saber onde atopalos, por se os precisa. Nesta sesión, cada conto remite a unha persoa e a unha recomendación literaria.

Paula Carballeira adícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende o ano 1994 e é autora de numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil en galego, moitos dos cales contan con traducións a idiomas como o castelán, catalán, vasco, inglés, portugués e, incluso, coreano.

É membro da compañía Berrobambán desde 1996 e tamén desenvolveu a súa traxectoria como directora e actriz noutras compañías, como no Centro Dramático Galego (para o que en 2006 dirixiu e interpretou A cabaña de Babaiagá), Talía Teatro ou Magrinyana. Paula Carballeira ten participado como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar como actriz e contadora de contos en diferentes series e espazos da TVG (Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima audiencia, Contando estrelas, Pepe O Inglés ou Libro de familia) e como colaboradora nos programas da Radio Galega Xamón, xamón e A taberna da Galega.

A Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL) organiza anualmente o Día das Librarías, unha xornada festiva coa que queren lembrar que un libro é sempre unha excelente adquisición e que o mellor lugar para facela é, sen dúbida, unha libraría.

Comentarios