Reclaman reparacións urxentes no Hospital Psiquiátrico de Conxo por mor de novas inundacións

Reclaman reparacións urxentes no Hospital Psiquiátrico de Conxo por mor de novas inundacións

CCOO-sanidade xa pediu en numerosas ocasións que se acometesen obras de mantemento neste centro, onde "o abandono é evidente"

A Federación de Sanidade de CCOO en Santiago de Compostela esixe reparacións no Hospital Psiquiátrico de Conxo, que esta semana sufriu novas inundacións. Segundo o sindicato, as chuvias destes días afectaron especialmente a unidade somática do centro e provocaron que se anegase a zona de acceso ao comedor de pacientes.

CCOO-sanidade xa pediu en numerosas ocasións que se acometesen obras de mantemento neste centro, onde "o abandono é evidente" pola ausencia de tarefas de mantemento. Isto, sumado ás chuvias, acelera a deterioración do edificio.

Por último, desde CCOO lamentan que non se aproveitase o verán para proceder á reparación do teito, xa que a situación "non é descoñecida, as filtracións acontecen todos os anos nas mesmas datas". O sindicato urxe a que se solucionen as eivas e lembra que no centro hai moitos doentes con limitacións de mobilidade que os obriga a utilizaren cadeiras de rodas e andadores.

Comentarios