Queixas pola "mala xestión" de Noriega ao destinar tres millóns de euros "non gastados" para amortizar a débeda

Queixas pola "mala xestión" de Noriega ao destinar tres millóns de euros "non gastados" para amortizar a débeda

Compostela Aberta triplica o período legal de pagamento a provedores e iso obriga a investir eses fondos en beneficio da banca e non na veciñanza

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, cuestiona a proposta de Compostela Aberta que vai levar ao próximo Pleno sobre o destino dos oito millóns de euros de remanentes de tesourería, derivados da incapacidade de facer investimentos en 2017 que expuxeron na Comisión Especial de Facenda.

Mediante modificacións de créditos asignáronse 1.803.132 a investimentos sostíbeis de 2016, 1.097.842 para a amortización extraordinaria de débeda, 1.898.909 destináronse a pagar facturas no caixón e a proposta que leva Compostela Aberta ao Pleno é que “os 3.085.870 euros de remanentes que restan vaian integramente a amortizar débeda, é dicir que non vaian a investimentos na cidade, a solucionar problemas sociais ou facer obras; a proposta é que o diñeiro vaia para os bancos”.

“Nestes momentos que haxa tres millóns de euros e que vaian para os bancos é unha proposta que sorprende de Compostela Aberta”, sinalou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, “porque a política financeira do Concello de Santiago nestes momentos é a mesma que a do tempo do Partido Popular”. Lembrou que o BNG foi moi crítico daquela coa política do PP de endebedarse con altos intereses, cando non se investía o orzamento consignado, para amortizar eses créditos cos remanentes, como repite agora Compostela Aberta.

“Cando hai diñeiro que debera usarse para solucionar tantos problemas como hai no rural e na cidade, en vez diso, o Goberno de Compostela Aberta dedica tres millóns de euros que non gastou en 2017 a pagar débeda para que eses cartos vaian para os bancos”, advertiu.

“Isto vén motivado porque este concello supera en moito o período máximo de pagamento a provedores, que legalmente está en 30 días, e entón Compostela Aberta non pode destinar os remanentes a outras cuestións, mesmo cando o Estado flexibilizou as posibilidades de utilizalos a outros investimentos”, sinalou.

O Concello de Santiago incumpre o requirimento de pagarlle a provedores en 30 días. Así, en febreiro e marzo a media de pagamento a provedores no Concello de Santiago era de 32,8 días; no mes de agosto estaban en 81,33 días de media e en setembro é de 84 días. Os provedores tardan case tres meses en pagárselle as facturas, explicou.

Este problema de política financeira demostra “unha falta de capacidade para xestionar no día a día, porque case triplica o período previsto na lei cando o lóxico sería intentar reducilo ao máximo para recuperar eses fondos dos remanentes de tesourería para investir nas necesidades de Santiago de Compostela e que os orzamentos signifiquen un beneficio para a veciñanza e non para a banca”.

Comentarios