O Concello pon en marcha un programa para concienciar sobre as zonas verdes da cidade

O Concello pon en marcha un programa para concienciar sobre as zonas verdes da cidade

Xan Duro incidiu en que "é necesario divulgar os valores das zonas verdes urbanas, e tamén explicar a nova xestión destes espazos, que debe ser máis sostible desde o punto de vista social, ambiental e económico"

A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia pon en marcha un novo programa para concienciar e sensibilizar á poboación sobre a importancia e os beneficios das zonas verdes e do arborado urbano, e para divulgar a xestión sostible dos parques e xardíns. Baixo o lema "A Compostela Verde chega aos barrios", a campaña desenvolverase nos próximos meses nos centros cívicos, a través da empresa concesionaria do mantemento das zonas verdes.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou onte o programa en rolda de prensa, acompañado polos técnicos de Ferrovial Servizos Luis Incera, Marcos Regueiro e Miguel Lois Barreiro. O edil lembrou que "o Concello de Santiago xestiona 2,4 millóns de metros cadrados de zonas verdes nas que hai máis de 30.000 árbores". Sumando os espazos da Xunta e da Universidade, "temos 52 metros cadrados de zona verde por habitante, moi por riba dos 10-15 metros que recomenda a Organización Mundial da Saúde".

Xan Duro incidiu en que "é necesario divulgar os valores das zonas verdes urbanas, e tamén explicar a nova xestión destes espazos, que debe ser máis sostible desde o punto de vista social, ambiental e económico". 

Nesa liña, o técnico de Ferrovial Luis Incera apuntou que "a nova xestión das zonas verdes pasa por un novo manexo da auga, dos céspedes e das árbores, por explicarlle á cidadanía que as árbores non teñen que ser podadas todos os anos, e que as pradeiras non teñen que estar co mesmo verde durante os 12 meses do ano, a costa de importantes cantidades de auga, de adobos químicos e de herbicidas". 

Incera insistiu en que "está a cambiar a forma de traballar no mantemento das zonas verdes, é certo que non se explicou ben, e a xente interpreta como perda de calidade no servizo prácticas que son máis sostibles ambientalmente, como incorporar os restos das segas ás pradarías para que funcionen como abono ou non recoller todas as follas caídas en zona terrosa para que sirvan de alimento do arborado".

Beneficios máis alá dos estéticos

Na mesma liña, Marcos Regueiro apuntou que "as novas prácticas de mantemento teñen como obxectivo xerar os máximos beneficios para as persoas, máis alá da mellora estética que supoñen para as cidades". Entre eses beneficios, apuntou a redución de temperaturas no verán, a captación de partículas contaminantes do aire, os beneficios para a saúde e mesmo "cuestións económicas como a revalorización das vivendas próximas ás zonas verdes ou o feito, demostrado por diferentes estudos, que a xente compra máis nas rúas con arborado".

Sensibilización ambiental

O programa "A Compostela Verde chega aos barrios" enmárcase no Plan de Sensibilización Ambiental incluído no contrato con Ferrovial Servizos. Ao seu abeiro, organizaranse encontros nos diferentes centros cívicos de Santiago, para informar sobre os beneficios das zonas verdes e do arborado urbano e explicar en que consiste a xestión sostible destes espazos. 

Tamén se darán a coñecer as diferentes infraestruturas e servizos vinculadas ao departamento, como o Centro de Información de Parques e Xardíns, as hortas urbanas ou as rutas guiadas polas zonas verdes.

Ademais, a campaña contempla a instalación de diferentes carteis en espazos verdes, para explicar como o mantemento ecolóxico que favorece a mellora da biodiversidade na cidade. Así, informarase de cuestións como a naturalización de pradarías e noiros, a sega diferenciada en función do uso do espazo, a xestión da auga da rega, ou de cales son os beneficios de conservar a madeira morta e de non recoller toda a folla.

Tamén se instalarán paneis explicativos nos lugares onde se realicen podas, e colocaranse carteis nas árbores que van ser eliminadas para explicar os motivos e anunciar a súa substitución por outras. 

Comentarios