Comeza a terceira edición de "Compostela Ilustrada"

Comeza a terceira edición de "Compostela Ilustrada"

A exposición Unha ollada natural foi inaugurada onte ao mediodía na Galería Sargadelos

Onte arrancou o III Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que se celebrará ata o día 11, baixo o lema "Natureza urbana", O programa arrancou coa inauguración da exposición Unha ollada natural, con obras de Carlos Silvar.

A exposición Unha ollada natural foi inaugurada onte ao mediodía na Galería Sargadelos, nun acto no que participaron o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e o director de Compostela Ilustrada, Miguelanxo Prado. A mostra é unha pequena escolma do traballo que leva realizando Calros Silvar para guías de natureza, con obras nas que se presentan pinceladas da biodiversidade de Galicia: aves, mamíferos, anfibios, fungos, plantas e árbores.

Debuxando a cidade

Na terceira edición de Compostela Ilustrada participarán ata dez coñecidos ilustradores e ilustradoras, que retratarán diferentes espazos da cidade. Na primeira sesión, esta tarde, estarán Ana Luisa Frazao, que debuxará o río Sarela no Carmen de Abaixo; Joaquín González Dorao, no Pub Momo; e Isabel Carmona, que debuxará o Xardín das Pedras que Falan.

Na segunda e na terceira xornada do Encontro participarán Javier Mariscal, que debuxará a vista das Hortas e da Alameda dende a terraza do Pazo de Raxoi; Maru Godas, na Colexiata e nas Brañas de Sar; Miguelanxo Prado, que estará no Pazo de San Lourenzo; e Urumo, no Parque de San Domingos de Bonaval. No programa de Compostela Ilustrada aparecen tamén Carlos Silvar, que debuxará no Museo de Historia Natural; Juan Linares, que estará na Finca do Espiño; Celia Burgos, na Alameda; Joaquín González Dorao, no Parque de Belvís; e Alicia Aradilla, que recollerá o Parque de Vista Alegre.

O Encontro pecharase, no domingo 11 de novembro, cunha gran quedada para debuxar na Alameda. 

Comentarios