Piden a retirada das plantas da mediana do Hórreo

Piden a retirada das plantas da mediana do Hórreo

Para os Populares, faise necesario "reducir ou limitar a altura das plantas nas distintas rotondas e medianeiras das vías"

O Grupo Municipal Popular solicitará no vindeiro Pleno ordinario que o Goberno de Compostela Aberta leve a cabo unha mellora na medianeira da rúa do Hórreo, concretamente fronte a estación ferroviaria.

Para os Populares, faise necesario "reducir ou limitar a altura das plantas nas distintas rotondas e medianeiras das vías", xa que hai algúns arbustos que, polo seu crecemento, impiden a correcta e imprescindible visibilidade de vehículos e peóns, o que supón un perigo evidente.

O grupo que dirixe Agustín Hernández lembra que hai xa tres anos desde que o Partido Popular presentara unha iniciativa para a mellora da seguridade viaria en distintos puntos da cidade, advertindo da necesidade de revisar periodicamente a situación das vías, para evitar circunstancias que dificulten ou reduzan as condicións de visibilidade.

Daquela mencionábase o caso do xardín central da medianeira da Avenida de Lugo, fronte ás escaleiras de acceso á estación ferroviaria, onde a altura dos arbustos existentes viñan causando grandes dificultades para unha correcta visión do tránsito na súa contorna, de forma moi especial á hora de ver os vehículos que se incorporan á rotonda desde a rúa do Hórreo.

Os Populares insisten que ante o "desleixo de Compostela Aberta", vense na "obriga" de reiterar a petición para esa mesma zona da rotonda da rúa do Hórreo, onde o medre dos arbustos volve dificultar a visión, e para outras zonas nas que poidan darse circunstancias semellantes.

Comentarios