Un estudo internacional con participación da USC permite identificar o proceso de colonización de América

Un estudo internacional con participación da USC permite identificar o proceso de colonización de América

O investigador da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas Ellacuriaga formou parte da equipa de investigación xenómica sobre o continente americano.

A revista Science acaba de publicar os resultados dunha investigación que permite identificar o proceso de colonización de América e os movementos poboacionais a través dos cales se conformaron as comunidades actuais. Trátase do maior esforzo de secuenciación masiva levado a cabo en restos arqueolóxicos humanos, que revelou tamén como o xenoma das poboacións americanas actuais se ve reflectido nos momentos iniciais da prehistoria. O estudo, realizado a nivel internacional, contou coa colaboración do investigador da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas Ellacuriaga, único representante español nunha equipa formada por especialistas de países como Dinamarca, Canadá, Inglaterra, Estados Unidos, Brasil, Arxentina, Armenia, Chile, Alemaña ou Suíza.

Esta investigación baséase no estudo do xenoma completo de 15 restos arqueolóxicos en todo o continente americano, dos cales seis superan os 10.000 anos de antigüidade. Isto convértea na maior investigación xenómica realizada no campo do ADN antigo, segundo afirmacións do propio Antonio Salas, xa que ata o momento só se tiñan publicado traballos de xenomas illados.

Os resultados acadados teñen unha grande transcendencia, xa que o xenoma aporta grande cantidade de información e as conclusións que se derivan son moi numerosas. Un dos principais achados refírese á orixe da variabilidade nativo-americana, que deriva dun grupo ancestral que vivía en Alaska e no territorio Yukón hai 23.000 anos e que se tería dividido en dous grupos, dando lugar ás poboacións de nativos americanos e aos antigos berinxianos de Alaska.

As análises realizadas permitiron precisar o momento en que a división poboacional tivo lugar, un dato clave para delimitar a colonización do continente. A partir de aí, a investigación establece un modelo de colonización de ata tres períodos que corresponden a diferentes ondas de expansión poboacional.

Salas asegura que “estamos vivindo a que seguramente é a época máis excitante da xenómica” grazas aos avances tecnolóxicos, que permiten “afinar enormemente en cuestións que teñen que ver coas nosas orixes, co que somos e como temos evolucionado co paso do tempo”.

Comentarios