Os grupos da oposición piden no Parlamento o peche do vertedoiro de Miramontes

Os grupos da oposición piden no Parlamento o peche do vertedoiro de Miramontes

Solicitan a paralización cautelar e a apertura dun expediente á empresa, pero o grupo popular non observa incumprimentos que o xustifiquen.

Na reunión da Comisión 2ª do Parlamento de Galicia celebrada a semana pasada, En Marea, BNG e PSdeG instaron a Xunta á paralización cautelar do vertedoiro da canteira de Miramontes e á apertura dun expediente sancionador á empresa xestora. O debate partiu de dúas iniciativas do BNG e de En Marea, apoiadas polos socialistas, a respecto das actuacións que o Goberno galego debía levar a cabo en relación a esta cuestión.

O grupo popular, pola súa parte, explicou durante a sesión que non observa incumprimentos que xustifiquen ningún expediente sancionador, e informaron tamén da resolución de dous expedientes abertos a outra empresa situada na mesma canteira, Tecnosolos Galaicos SL, que suporían unha multa total de 195.00 euros por incumprimentos da Lei de residuos e da Lei de prevención e control integrados da contaminación.

Porén, desde a Plataforma de afectados polo vertedoiro explican que esta mesma semana a Fiscalía de Medio Ambiente decidiu abrir dilixencias de investigación por “apreciar indicios dun posible delito medioambiental na actividade do vertedoiro”, feito que contrasta coa posición adoptada polos populares. Ademais, lembraron que a día de hoxe, o material contaminante depositado arredor da canteira que a empresa Tecnosolos Galaicos SL debía retirar como parte da sanción continúa depositado sobre o terreo no alto da montaña. 

Comentarios
Lo más