Os socialistas propoñen no Parlamento afastar a xestión de residuos dos núcleos habitados

Foto de arquivo
Os socialistas propoñen no Parlamento afastar a xestión de residuos dos núcleos habitados

A medida afectaría a casos como o da canteira de Casalonga, en Teo, ou do vertedoiro de Miramontes, en Compostela.

O Grupo Parlamentario Socialista presentou a través da súa voceira de Medio Ambiente, Patricia Vilán, unha proposición para mudar a Lei do Solo co obxectivo de afastar os centros de tratamento e xestión de residuos, así como as pirotecnias, a un mínimo de 2,5 quilómetros de núcleos habitados e a máis de 1 quilómetro da vivenda illada máis próxima. Na presentación da proposición acompañaron a Vilán a concelleira de Urbanismo de Teo, Uxía Lemus, e o portavoz socialista do Concello de Santiago, Paco Reyes.

Esta inciativa estaría pensada para regular casos como o da canteira de Casalonga, en Teo, onde se pretendía implantar unha planta de tratamento de residuos a escasos metros dunha zona residencial, ou como o do vertedoiro de Miramontes, en Compostela, que acumula mercurios,cianuro e arsénico provocando problemas de cheiros e posible contaminación do chan. Segundo Vilán, foi a indefinición normativa nesta materia a que permitiu que o Goberno galego dese luz verde ao proxecto de Toysal para Casalonga, a pesar de ser pouco garantista e asumir poucas obrigas medioambientais, e tamén está a permitir que non se actúe debidamente contra o vertedoiro de Miramontes. 

A concelleira de Urbanismo de Teo, Uxía Lemus, insistiu na necesidade de acadar unha resposta a nível autonómico, xa que estas cuestións adoitan afectar a máis dun concello e superan as competencias municipais. No caso da canteira de Casalonga, paralizado por un informe negativo do Concello de Teo, o proxecto afectaría tamén ao concello veciño de Ames, pero tamén a concellos da Ría de Arousa por mor da caída dos vertidos. 

Pola súa parte, o voceiro socialista no Concello de Santiago, Paco Reyes, criticou a falta de transparencia do Goberno galego no caso da planta de Miramontes, que carece de informes de Sanidade sobre o impacto dos químicos perigosos que acumula.

Con esta proposta, os socialistas urxen á Xunta a "rematar coa indefensión dos veciños e veciñas" e a exercer as súas competencias realizando un "reseteado" de todas as instalacións deste tipon nun período de dous anos.



Comentarios