A oposición quere rescatar a comisión de investigación da sanidade

A oposición quere rescatar a comisión de investigación da sanidade

No plan que presenta a oposición proponse unha revisión de todo o sistema sanitario galego e no que se deberán documentar as situacións máis graves denunciadas desde a oposición e que coa fórmula proposta polo PP quedarían sen investigar

En Marea, PSOE e BNG presentaron unha proposta para rescatar a comisión de investigación da Sanidade galega trala negativa do Partido Popular a aceptar o plan de traballo proposto pola oposición e rexeitar a comparecentes na mesma que toda a oposición considera fundamentais para coñecer a verdadeira situación do sistema sanitario galego e algúns dos seus casos máis graves: a morte dun paciente no PAC de A Estrada ou o caso da denegación de vacinas a pacientes con Hepatite C.

No plan que presenta a oposición proponse unha revisión de todo o sistema sanitario galego e no que se deberán documentar as situacións máis graves denunciadas desde a oposición e que coa fórmula proposta polo PP quedarían sen investigar. Na primeira parte de documentación, a intención é recabar toda a documentación que explique o funciomento dos PAC's o sistema de substitucións de profesionais neses centros. 

Tamén se solicita toda a documentación relativa ao caso da Hepatite C e, entre outras cousas, a documentación sobre a situación de POVISA. A documentación que se solicita a través deste plan de traballo inclúe informes de investigacións do Sergas, auditorias realizadas, información destinada a prensa, avaliacións de plans estratéxicos e listas de esperas, entre outras.

Para a fase de comparecencias, a oposición no Parlamento de Galicia pide que se sumen 44 persoas entre as que figuran a exconselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, representantes sindicais, xerentes de EOXI's, representantes de colectivos e asociacións arredor da sanidade en Galicia, parentes das vítimas no caso de A Estrada e a Hepatite C e tamén integrantes do equipa directiva de Povisa e do seu comité de empresa.

Segundo explicou Luís Villares a intención para esta proposta é darlle unha segunda oportunidade ao PP e que a cidadanía saiba a verdade sobre "a sanidade en Galicia e sobre eses casos que o Partido Popular non parece querer aclarar". O voceiro de En Marea sinalo que desde hai un mes, cando a oposición presentou a petición para a comisión de investigación "non cambiou nada, só comprobamos unha vez máis como o PP tenta aproveitar unha proposta da oposición para negar a verdade e converter unha comisión nun acto de propaganda do partido".

No mesmo sentido, Luís Villares apuntou que non se pode saber a verdade sobre a sanidade galega "sen coñecer o que din os familiares do fallecido no PAC de A Estrada, non podemos saber o que pasou sen escoitar como funcionan as substitucións neses centros, non podemos saber a verdade se non escoitamos á xente á que se lle negou unha vacina que tería salvado unha vida". "Estas son os obxectivos que persegue a a comisión e que o PP quere ocultar á cidadanía", sinalou Villares.

Para o voceiro a pretensión do PP é que Feijóo apareza na comisión e "faga propaganda da sanidade galega mentres se rexeitan todas as comparecencias que poidan darnos a coñecer a verdade, porque Feijóo non estaba na Estrada e queremos escoitar o que teña que dicir, pero tamén queremos saber o que sucedeu".

As tres forzas da oposición, En Marea, PSdG-PSOE e BNG, solicitaron a celebración da Comisión cun punto único na orde do día, a aprobación da modificación do plan de traballo. Os tres voceiros sinalaron que esta proposta non é para negociar uns nomes ou outros e que de non cumprirse este plan de traballo o PP quedaría só na comisión.

Comentarios