Santiago acolleu as III Xornadas de Traballo Social e Saúde

Santiago acolleu as III Xornadas de Traballo Social e Saúde

Reuníu a máis de 150 traballadores sociais do ámbito da Saúde de Galicia 

O recinto do Hospital Clínico acolle onte a III Xornada de Traballo Social e Saúde: As persoas por diante, no que máis de 150 Traballadores Sociais de toda Galicia actualizan coñecementos, nun encontro bienal que nesta ocasión foi coordinado pola xefa do servizo de Traballo Social da área sanitaria de Santiago, Ana Guillén.

O acto inaugural estivo presidido polo Conselleiro de Sanidade, Jesús Vazquez Almuíña, quen estivo acompañado pola xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez; a presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Miriam Rodriguez, a delegada galega da Asociación Española de Traballo Social e Saúde, Luz Campello e por Ana Guillén, presidenta do Comité organizador e xefa de Servizo de Traballo Social da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago.

Na súa intervención, Vázquez Almuíña sinalou que o seu departamento presentará a Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade, co obxectivo de poder realizar un seguimento máis completo e pormenorizado destes pacientes e evitar a progresión das enfermidades crónicas cara a estadíos máis complexos. Esta estratexia propón un modelo máis coordinado e innovador, que integrará todos os programas específicos que se veñen desenvolvendo nos últimos anos, e cuxa implantación será progresiva, -referiu Almuíña-.

Segundo o conselleiro, é importante destacar que esta estratexia inclúe a realización dunha valoración socio sanitaria integral e multidimensional do paciente, polo que o papel dos profesionais de traballo social sanitario nesta estratexia é fundamental na mellora do sistema sanitario no que atinxe á atención aos pacientes con necesidades sociosanitarias.

Tal e como destacou Almuíña, o perfil das persoas que teñen necesidades sociosanitarias abrangue a maiores enfermos, persoas con discapacidade física e dependencia funcional elevada, persoas con discapacidade asociada á enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual e persoas con necesidade de coidados paliativos.

É necesario, -proseguiu o conselleiro-, buscar un modelo centrado na persoa, no que se realice unha avaliación das súas necesidades sanitarias e sociais; se faga unha busca dos recursos para cubrir esas necesidades; e se detecten as necesidades non cubertas polos recursos existentes e se cren recursos propios para cubrilas. Este proceso deberá ser liderado por un profesional de traballo social sanitario.

Para rematar a súa intervención, Almuíña agradeceu a todos os traballadores sociais sanitarios o seu traballo, posto que están sempre ao lado dos que máis o necesitan, buscando sempre a mellor das solucións.

Pola súa banda, a xerente de Xestión Integrada Eloína Núñez subliñou que o título da expresa “o que debe ser o obxectivo do entorno sanitario e do social. O noso obxectivo conxunto é poñer, de verdade, ao paciente no centro”. Xa que os doentes son “persoas con diversas circunstancias que se mesturan e que comprenden dimensións varias, como a familiar, a laboral, a social, a espiritual, ou a comunitaria, entre outras.”

Seguidamente Núñez destacou que “é preciso defender a continuidade asistencial, poñendo á persoa como eixo principal das intervencións de Traballo Social e de Saúde, e que esta sexa integral. É preciso velar porque a comunicación flúa de maneira eficiente entre o hospital e atención primaria, de xeito bidireccional. Falamos sempre de "continuidade de coidados", e por iso nesta Xornada teremos a oportunidade de coñecer a visión e a experiencia de persoas que cada día se ocupan de mellorala”.

A Xerencia Integrada de Santiago conta cun Servizo de Traballo Social desde novembro de 2015, dependente da Subdirección de Calidade e Atención ao Doente, coa finalidade de integrar as áreas hospitalarias, de Atención Primaria e Saúde Mental, así como de ofrecer visibilidade a este colectivo.

Desde o Servizo de Traballo Social está a avanzarse en aspectos como, ademais dos propios e común dos traballadores sociais nun entorno sanitario: garantir a presenza de Traballadores Sociais en foros estratéxicos; a elaboración de Procedementos de carácter multidisciplinar (o da ELA tratarase nestas xornadas, a modo de exemplo) e en Grupos de traballo promovidos desde servizos centrais do Sergas; participar no Consello de Bioética de Galicia como o recente documento de “Ética, vulnerabilidade e ancianidade”; planificar, organizar e facer seguimento do equipo de Voluntariado e as súas diversas actividades (con máis de 60 voluntarios); participación en proxectos con entidades asociativas; ou a promoción e seguimento de convenios con entidades sociosanitarias.

Ademais traballa no establecemento de canles regradas de comunicación: entre todas as/os traballadores da xerencia integrada, evitando ingresos hospitalarios innecesarios por outra causa que non sexa a estritamente médica; na detección precoz do risco social desde o momento do ingreso, a través do programa informático Social ou na difusión e formalización do documento de Instrucións Previas.

Outro tema obxecto desta Xornada é a análise desde un punto de vista ético e legal da relación entre o sistema sanitario e as asociacións, que contará coa visión de todas as partes implicadas, coa idea de que cando máis se integren os enfoques e máis poliédrica sexa a visión, integraranse os esforzos e polo tanto máis capacidade de resposta e de poder contemplar as expectativas e necesidades das persoas no seu conxunto.

Comentarios