Ames instala dous puntos de recarga para vehículos eléctricos no Milladoiro e Bertamiráns

Ames instala dous puntos de recarga para vehículos eléctricos no Milladoiro e Bertamiráns

A recarga con estes postes, de titularidade municipal, será gratuíta, mediante o uso de tarxetas

O Concello de Ames, en colaboración coa empresa galega Movelco: solucións de mobilidade eléctrica ecolóxica, acaba de instalar dous puntos de recarga para coches eléctricos no municipio amesá, un na praza do Concello, en Bertamiráns, e outro no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. 

A iniciativa do goberno municipal aposta por impulsar o uso do vehículo eléctrico, tanto por parte da propia administración como da cidadanía.

En concreto, instaláronse dous cargadores modelo Urban, tipo poste, nos dous principais núcleos de poboación do municipio: O Milladoiro e Bertamiráns.

Os dous puntos de recarga están pensados para dar servizo non só aos condutores que residen no propio municipio, senón tamén aos usuarios de vehículos eléctricos que pasen por esta localidade.

A recarga con estes postes, de titularidade municipal, será gratuíta, mediante o uso de tarxetas. O goberno municipal ten a idea de que ditas tarxetas sexan facilitadas, de xeito gratuíto, polo propio Concello directamente aos condutores de vehículos eléctricos residentes en Ames. 

Ademais, haberá varias tarxetas en distintos edificios municipais para aquelas persoas de fóra de Ames que desexen empregar estes puntos de recarga. Estes usuarios, con independencia do seu lugar de residencia, poderán solicitar dita tarxeta, facer a recarga, e devolvela. Trátase, ademais, de puntos de recarga rápidos, para maior comodidade dos condutores.

A instalación destes puntos de recarga enmárcase dentro dunha partida orzamentaria do Concello de Ames para fomentar o uso de vehículos eléctricos, híbridos e de hidróxeno, como alternativa aos de combustible, para reducir os niveis de contaminación.

Comentarios