O xadrez, xogo revelador

O xadrez, xogo revelador

Carlos Arias volve a escribir e reflexionar sobre o deporte do xadrez

O xogo do xadrez resulta moi revelador respecto de aspectos mentais importantes para a vida. Cada vez conta cun meirande apoio en distintos eidos relativos á saúde e á axilidade mental en calquera idade, ou á formación das persoas en idades temperás, que conduce a que se estenda a un ritmo rápido nos sistemas educativos de moitos países, entre os que se inclúe Galicia. Aspectos como o desenvolvemento do pensamento lateral, a axilidade no razoamento, a xestión do tempo, etc. aparecen como achegas importantes a través do taboleiro, e a elas súmanse outras moitas, como a capacidade de nos expresarmos con identidade propia a través dun sistema de normas, comprobar que os actos teñen consecuencias ou a capacidade para procurarmos solucións factibles en situacións complexas, con serenidade e dentro do silencio e a quietude que esixe unha partida de competición.

Quen desexe afondar neste tema pode acudir aos excelentes artigos de divulgación de Leontxo García en El País ‒https://elpais.com/deportes/2015/02/11/actualidad/1423684794_011937.html‒, pero tamén pode resultar de interese unha pequena reflexión verbo dalgunha cuestión concreta, como indicador do nivel de maduración dunha persoa, e como instrumento moi interesante para reorientar estratexias educativas, en función das comprobacións que poidamos facer.

O factor sorte, no xadrez, ten un peso relativo: ambas as partes xogan no mesmo taboleiro, a persoa que arbitra adoita ter moi pouca incidencia no resultado e as condicións ambientais están niveladas; no entanto, a riqueza do xogo impide que se converta nunha actividade puramente mecánica, onde un cálculo exacto poida adiantar o resultado, polo menos en posicións complexas. O número de partidas posibles elévase a dez elevado a 123 (un un seguido de 123 ceros), que equivale á cantidade de átomos do universo ‒un un seguido de 80 ceros‒ multiplicada por dez elevado á potencia 43.

Ora ben, a capacidade de cálculo pode desnivelar facilmente o combate, e tamén unha calidade humana importantísima: a intuición. Comprender as posibilidades dun escenario anticipado, e ver máis alá da simple diferenza de material dispoñible, está na esencia do talento para o xadrez, como tamén a capacidade para avaliar riscos, que se traduce na toma de decisións á hora de preservar os recursos ou investilos en prol de vantaxes non computables aritmeticamente. Coma na vida, cómpre determinar en cada momento se a situación reclama audacia ou tempero.

Curiosamente, trátase dunha actividade onde abundan os talentos precoces: rapazas ou rapaces que, con 11 ou 12 anos, acadan títulos de mestres ou de grandes mestres internacionais, como punta do iceberg, pero con moitísimos máis que compiten a un excelente nivel, moi por diante de xogadoras ou xogadores de club con ampla experiencia na competición.

Quizabes estea por densenvolver o potencial deste xogo no eido educativo, non soamente no que se refire ao adestramento mental nas idades temperás, senón, máis alá, na propia reorganización de estratexias e de obxectivos nunha etapa crucial para o desenvolvemento das capacidades das persoas: pode servir como indicador dunha madurez ata agora non recoñecida nesas idades, e pode cambiar o xeito de equilibrar a aprendizaxe co emprego adiantado de habilidades xa existentes aínda non recoñecidas.

Non se trata, nin moito menos, de pór decisións transcendentes nas mans dunha nena ou dun neno, pero quizabes si poida darse unha transferencia de responsabilidades do profesorado cara ao alumnado, en función da resposta observada nesta actividade: facilitar que nenas e nenos desenvolvan a súa creatividade e a súa visión para adquirir coñecementos ou destrezas, do mesmo xeito que a utilizan no apaixonante xogo do xadrez.

Quizabes sirva tamén para crebar o teito de cristal respecto do nivel de evolución das fillas e dos fillos, e ver que, coa súa intelixencia, poden ir moito máis aló do previsto tradicionalmente. Sempre, por suposto, coa consciencia de que a falta de interese ou de destreza neste xogo resulta compatible con expresar doutro xeito a súa forza interior. O xadrez funcionaría como unha referencia interesante, na que o avance dunhas poucas persoas pode ofrecer pautas que beneficien ao conxunto.


Comentarios