Ames presenta a terceira fase do programa pioneiro de prevención de incendios forestais

Ames presenta a terceira fase do programa pioneiro de prevención de incendios forestais

A terceira fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames dá continuidade á experiencia piloto posta en marcha en 2016 e que tivo continuidade no período outono/inverno 2017-2018

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, presentou onte a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais, dándolle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016. Por terceiro ano consecutivo ofréceselle aos veciños e veciñas a posibilidade de acollerse ao plan de plantación de frondosas caducifolias. 

Deste xeito, nesta terceira fase, o Concello podería chegar a plantar ata 4.000 árbores nunha superficie aproximada de 12 hectáreas, dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa. Durante o período do outono/inverno 2018-2019 actuarase nos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela).

A terceira fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames dá continuidade á experiencia piloto posta en marcha en 2016 e que tivo continuidade no período outono/inverno 2017-2018. O goberno municipal, xunto cos técnicos municipais, determinaron que nesta terceira fase rematarase a actuación, que comezou no período 2017-2018, do ámbito 04, dividido en dúas partes 04A e 04B. Nesta ocasión actuarase no monte de Outeiro e Pena Amarela, así como no ámbito 09 (Ventosa, Lombao e na urbanización do Bosque Animado.

Nesta fase vanse plantar unhas 4.000 árbores frondosas nunha superficie aproximada de 12 hectáreas de 523 fincas (469 rústicas e 54 urbanas). Deste xeito, continuarase coa repoboación de árbores frondosas-caducifolias (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) que se plantarán tendo en conta as distancias indicadas na lei segundo a proximidade de casas, estradas, etc.

A presentación da terceira fase deste plan, que xa é un referente en toda Galicia, correu a cargo do concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible, Javier García, e das técnicas do departamento, Patricia Reboreda e Mariví Arufe. Tamén asistiu o persoal da brigada Aprol, que está reforzando o traballo realizado a través do Plan de prevención de incendios forestais. Os membros da brigada de repoboación forestal non puideron asistir porque estiveron nun curso formativo.ç

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, destacou que “a principal novidade desta terceira fase é que se amplían de 30 a 50 metros as faixas de seguridade, nas que hai que realizar unha xestión de biomasa. Isto o que implica é unha maior carga de traballo, xa que nas dúas anteriores fases actuouse en faixas de 30 metros e agora hai que facelo en faixas de 50 metros, debido á modificación da lei de incendios. Deste xeito, seguimos dando cumprimento ao obxectivo de poñer en valor o terreo que non é explotable forestalmente, nas faixas de seguridade, coa plantación de árbores froiteiras. Ao mesmo tempo pretendemos conseguir beneficios medioambientais coa mellora da diversidade, realizar un control do monte baixo e aproveitar as faixas de seguridade para que o monte teña un uso social e veciñal”.

Este traballo realizase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente márcalle diariamente as directrices do traballo a unha brigada, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asume o custe da contratación deste persoal da brigada, que ronda os 34.000 euros, por un período de cinco meses.

A este importe hai que engadirlle o custe que supón dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto suma 8.000 euros, o que da un importe total de 42.000 euros. Ademais, o Concello asume o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación que ascende a 16.000 euros. En total, o Concello destinará 58.000 euros de fondos propios á segunda fase deste plan.

Comentarios