Máis de 146 incidencias en Galicia pola meteoroloxía adversa

Máis de 146 incidencias en Galicia pola meteoroloxía adversa

Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 71 incidencias rexistradas

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou un total de 146 incidencias debido á alerta laranxa decretada por costeiros, choiva e vento que está a afectar á nosa Comunidade entre as 09:00 e as 18:00 horas de onte.

Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 71 incidencias rexistradas, Pontevedra con 57, seguida de Lugo con 13 e por último a provincia de Ourense con 5 incidencias. A prevención de riscos en vías de circulación (31) e árbores e pólas nas estradas (30) foron as incidencias que máis se repetiron.

En canto aos concellos, na provincia da Coruña, destaca o de Santiago de Compostela con 11 incidencias, Miño con 4 e A Pobra do Caramiñal con 3. 8 incidencias son para o concello pontevedrés de Vigo, Vilagarcía con 6 e Pontevedra con 5. Na provincia de Lugo, resaltar o concello de Abadín con 3 e Ribadeo con 2 incidencias. Por último, en Ourense, nos concellos de San Xoán de Río, Punxín e Ourense se xestionou 1 incidencia, respectivamente.

Ademais do accidente laboral de Frades, resaltar que O 112 Galicia tivo constancia ás 11:10 horas de onte dunha árbore caída na A-6 á altura de Cambre que interrompía a circulación nos dous carrís, en sentido Lugo. Nada máis recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia informou á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros de Arteixo e a Conservación, que levou a cabo a retirada da árbore. As labores finalizaron ás 11:50 horas.

Por outra banda, ás 15:45 horas, un home resultou ileso despois de que unha árbore caese sobre o coche no que circulaba en Nigrán. Ocorreu no punto quilométrico 3 da PO-332 e foi o propio condutor o que contactou co 112 Galicia para alertar dos feitos. Decontado, os xestores do 112 Galicia requiriron a intervención da Garda Civil, de Protección Civil do Val Miñor e da Policía Local.

TEMPO NO SÁBADO

 O ceo estará nubrado en Galicia e oeste do sistema Central, con vento de refachos fortes e precipitacións que poderán ser fortes e persistentes, e estenderanse pola vertente atlántica centro e norte, na área mediterránea haberá tempo estable, informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía ( Aemet).

A Axencia prevé en Galicia e oeste do sistema Central, precipitacións puntualmente fortes, especialmente no oeste de Galicia, onde continuarán acumulándose cantidades importantes de precipitación.

As precipitacións remitirán na cornixa cantábrica e non se espera que sexan en forma de neve, e poderán afectar a outras zonas da metade noroeste peninsular.

Na área mediterránea, predominio de ceo pouco nubrado ou con nubes altas.

En Canarias, non se descarta algunha choiva débil ocasional no norte de illas de máis relevo.

Na vertente atlántica produciranse brumas e bancos de néboa matinais.

As temperaturas irán en aumento xeneralizado, excepto en Canarias, onde poderían descender lixeiramente.

Haberá predominio do vento de compoñentes sur e oeste na Península e Baleares; con intervalos de intensidade forte en zonas do cuadrante noroeste peninsular e do Cantábrico oriental, e refachos localmente moi fortes en Galicia e Cordilleira Cantábrica. Alisios en Canarias.

Comentarios