Ribeira acondicionará o segundo andar do mercado municipal como escola de hostalería

Ribeira acondicionará o segundo andar do mercado municipal como escola de hostalería

O taller de cociña, de 137,60 metros cadrados, situarase na parte central da planta e estará conectado coa sala de xestión (aula de formación) e a carón do gran patio interior cuberto do edificio

O Concello de Ribeira informa da licitación das obras de acondicionamento do segundo andar do mercado municipal co fin de destinalo a escola de hostalería, cun investimento de 208.541 euros, IVE incluído.

Hoxe mesmo comeza o prazo para presentar ofertas segundo as cláusulas establecidas no perfil do contratante. Os interesados teñen ata o 29 de novembro para facer as súas propostas. A intención do Executivo é, unha vez finalice a actuación (a súa duración son catro meses), obter os permisos necesarios para poder impartir alí cursos homologados que contribúan a formar ou perfeccionar os coñecementos do sector hostaleiro da nosa contorna.

Gran placa de extracción

As obras que se pretenden acometer pasan pola distribución do actual espazo da planta segunda, creando un gran taller de cociña con 16 postos deseñados con mesetas pareadas (2 alumnos), formando unha matriz de 4x4 e orientados cara o posto do profesor, ou profesores. Os postos irán dotados co equipamento necesario para este cometido (placa de cociña, fregadoiro, etc..). Todo este espazo que ocupan os 16 + 1 postos de cociñas estará coroado por unha gran placa de extracción, coa derivación dos fumes a cuberta.

O andar contará ademais cunha sala ou aula de xestión de 45 metros cadrados, e dous almacéns (de 9,5 e 12 metros cadrados) precisos para o acomodo das mercancías e produtos derivados da nova actividade, así como un despacho para a dirección da escola (15,4 metros cadrados).

O taller de cociña, de 137,60 metros cadrados, situarase na parte central da planta e estará conectado coa sala de xestión (aula de formación) e a carón do gran patio interior cuberto do edificio.

En total, a superficie útil suma 219,5 metros cadrados, ao que hai que engadir infraestruturas xa existentes: un corpo de aseos adaptados (un por cada sexo), un montacargas, un ascensor e as escaleiras interiores de comunicación coas outras plantas do edificio.

Comentarios