Ames asina un convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal

Ames asina un convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal
Ames asina un convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal

O pasado venres presentouse no salón de plenos da Casa do Concello o acordo de colaboración para establecer un programa de voluntariado internacional entre ambos concellos.

A primeira tenente e alcaldesa en funcións, Genma Otero, e mailo concelleiro de Educación, Cultura, Deportes e Turismo da Cámara municipal de Tarrafal, Daniel David Soares, asinaron esta semana un acordo de colaboración para establecer un programa de voluntariado internacional entre ambos concellos. En dita sinatura tamén participou a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo. 

Deste xeito, o técnico municipal de Deportes estará 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Este convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.

O pasado venres presentouse no salón de plenos da Casa do Concello o acordo de colaboración para establecer un programa de voluntariado internacional entre ambos concellos. A presentación desta iniciativa correu a cargo da concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, a secretaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Andrea García, o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, o técnico municipal de mediación intercultural, Leonardo Pena, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure.

A través de dito acordo establécese un programa de voluntariado internacional destinado ao persoal técnico do Concello de Ames. Neste caso, o programa consiste na viaxe ata o municipio de Tarrafal (Cabo Verde) do técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, co obxecto de manter unha relación de cooperación durante 15 días. Así, colaborará na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano, cun carácter social e con perspectiva de xénero. 

Os gastos de desprazamento son asumidos polo Concello de Ames, mentres que dos custes de aloxamento e manutención ocúpase a Cámara municipal de Tarrafal.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, explica que “trátase dunha cooperación técnica entre ambos concellos, na que os técnicos municipais darán a coñecer a súa experiencia de xestión na área de competencia e tamén á inversa procurando que sexa sempre un intercambio de experiencias. É un programa de cooperación internacional no que colaboraremos no desenvolvemento de diferentes áreas fortalecendo aquelas capacidades do municipio para planificar e xestionar actividades, tanto relativas á igualdade de xénero como políticas publicas orientadas á infancia, aínda que tamén participaremos e seguiremos de preto a xestión de algunhas actividades”.

Trátase dun programa de cooperación internacional, a través do cal se colabora no desenvolvemento de diferentes áreas, fortalecendo as capacidades do municipio caboverdiano, para planificar e xestionar actividades relativas á igualdade de xénero e políticas públicas municipais orientadas a infancia, principalmente. 

A duración do acordo é dun ano podendo prorrogarse ata un máximo de catro. Tarrafal é un municipio con moitas semellanzas a Ames. É un concello eminentemente novo con dous núcleos de poboación diferenciados e distantes entre si.

Comentarios