Condenan a once anos e medio de cárcere a un home que tentou asasinar a súa ex parella en Carballo

Condenan a once anos e medio de cárcere a un home que tentou asasinar a súa ex parella en Carballo

O tribunal considera acreditado que o home atacou á vítima de madrugada por detrás cun obxecto punzante

O TSXG confirmou a sentenza da Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña que impón once anos e medio de cárcere a un home que en xaneiro de 2017 tentou asasinar en Carballo a súa ex muller, coa que non convivía desde facía uns meses. 

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior rexeitou o recurso presentado polo sospeitoso, pois subliña que non menciona como infrinxida “nin unha soa norma” na sentenza de primeira instancia.

O tribunal considera acreditado que o home atacou á vítima de madrugada por detrás cun obxecto punzante. A muller dispoñíase a subirse ao seu vehículo tras saír dun local de hostalería. O condenado, segundo consta na sentenza, tamén a acometeu no peito. 

Ela conseguiu escapar á carreira e refuxiarse nun bar próximo. As lesións foron mitigadas, segundo os maxistrados, pola cazadora de coiro que vestía a vítima. De ser máis profundas, afectarían aos seus órganos vitais. 

Os maxistrados tamén impoñen ao condenado a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da vítima e de comunicarse con ela por calquera medio durante trece anos e medio. Ademais, deberá abonarlle unha indemnización de 30.000 euros.

Comentarios