Denuncian o estado de abandono da área de Oncoloxía pediátrica do CHUS

Denuncian o estado de abandono da área de Oncoloxía pediátrica do CHUS

Material estragado que non se repón, cama nas que dá o sol directo e nas ventás non se pode regular a luz... son algunas das queixas dos pais e nais

O BNG trasladará ao Parlamento as queixas de pais e nais polas diferentes deficiencias detectadas no servizo de oncoloxía pediátrica do CHUS, despois das denuncias que diferentes familias lles fixeron chegar ao partido nacionalista.

As denuncias presentadas están relacionadas co mantemento do material, á limpeza, a carencia de habitacións en xeral e de illamento en particular, unha situación de extremo risco nos rapaces que se atopan inmunodeprimidos pola medicación.

Material estragado que non se repón, cama nas que dá o sol directo e nas ventás non se pode regular a luz, mandos eléctricos das camas que non funcionan, colchóns en moi mal estado, buratos nas duchas, mesas de apoio esnaquizadas e oxidadas, cadeirás-sofá rompifas, armarios cotrosos, roupa da cama con buratos e remendos... son algunhas das queixas que chegaron ata o BNG e que queren denunciar no Parlamento.

A escasez das habitacións de illamento está nunha situación límite. Actualmente, o CHUS dispón de catro espazos con estas características e moitos nenos e nenas inmunodeprimidos están esperando durante horas na sala de curas, sen as condicións necesarias para este tipo de doentes cun porcentaxe bastante elevado de coller calquer virus

"A situación chegou a tal gravidade que hai uns días o alicatado do baño dunha habitación na que estaban nenos e nenas de illamento caeu e procedeuse á súa reparación sen sacar aos menores da habitación, con todo o que supón a obra de po e entrada e saída con materiais", subliñou a deputada Montse Prado.

Ante a problemática na que se encontran os pais e nais, o BNG presentará varias proposicións non de lei para remediar a situación vivida no CHUS.

Entre as medidas que se recollen no escrito están a de redimensionar a área de oncoloxía pediátrica do CHUS, aumentar o número de habitacións normais e de illamento, dotar dunha zona común equipada, repoñer todo o material deteriorado e mellorar a limpeza.

Comentarios