A poesía protagoniza a XV edición do simposio "O libro e a lectura"

A poesía protagoniza a XV edición do simposio "O libro e a lectura"
A poesía protagoniza a XV edición do simposio "O libro e a lectura"

O evento celebrarase o próximo xoves e venres no auditorio do Consello da Cultura Galega.

A Concellería de Educación e Cidadanía do Concello de Compostela e a Asociación Galega de Editoras, en colaboración con CEDRO e a Xunta de Galicia, organizan esta semana a XV edición do simposio O libro e a lectura, que este ano leva por título Poesía, a luz apagada?. Trátase dun evento profesional que reunirá expertos e promotores da edición e difusión da poesía co obxectivo de ofrecer formación, conversar, debater e reflectir sobre a visibilidade do xénero da poesía a través de diversas canles e experiencias.

A programación inaugurarase o xoves, día 15 de novembro, cunha conferencia de Yolanda Castaño, para logo continuar co panel de experiencias Da edición á creación, no que participarán Paz Castro, Antía Otero, Isaac Xubín e Leire Bilbao. Na sesión da tarde celebrarase a mesa redonda Novos camiños para a poesía, a cargo de Marcus Daniel Cabada, Anxos Rial e Celia Parra. A xornada pecharase coa actuación-performance de Cinta Adhesiva.

Xa o venres de mañá terá lugar a mesa redonda Canles de visualización, con Quico Valeiras, Nuria Vil e Lara Dopazo. A seguir, Emma Pedreira, María Lado e Movemarcos ofrecerán un recital poético. Finalmente, pechará o simposio unha conferencia impartida por Antonio García Teijeiro.

As xornadas celebraranse no auditorio do Consello da Cultura Galega e as sesións darán comezo ás 10:00 horas e ás 16:30 horas. O evento está aberto a todo tipo de público, que deberá inscribirse previamente no enderezo electrónico s.tecnica@editorasgalegas.gal


Comentarios