Carmen Pomar visita as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE na Universidade de Santiago

Carmen Pomar visita as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE na Universidade de Santiago

Neles traballan máis de 500 investigadores en proxectos de excelencia nos ámbitos da bioloxía, da medicina molecular, das tecnoloxías da información e da física

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, visitaron esta mañá os tres Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acreditados, onde desenvolven o seu labor algúns dos científicos máis excelentes do Sistema Universitario Galego (SUG) co apoio do Goberno da Xunta.

A titular de Educación coñeceu de preto o traballo desenvolvido no CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química biolóxica e Materiais Moleculares), no CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e no CiTIUS (Agrupación Estratéxica Consolidada Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información). Tamén se desprazaron ao IGFAE (Instituto Galego de Física de Atlas Enerxías).

A conselleira Carmen Pomar reafirmou o compromiso do seu departamento coa investigación universitaria mediante o apoio financeiro estable a medio e longo prazo a grupos de investigación e a estruturas supragrupais, e á formación e retención do talento (contratos predoutorais, posdoutorais e de estabilización). A titular de Educación subliñou o importante traballo que están desenvolvendo os equipos científicos destes centros, que son un dos principais motores da I+D+i en Galicia, e, sobre todo, que as súas investigacións se traducen en transferencia de coñecemento que beneficia ao conxunto da sociedade.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional reafirma o seu compromiso coa investigación máis excelente do SUG a través de distintas liñas de axuda para estes centros, así como para os científicos. No período 2016-2019, a Consellería destina un total de 6,72 millóns de euros en concepto de axudas ao CiQUS, CiMUS e CiTIUS, aos que hai que engadir outros 0,5 millóns de euros para o IGFAE, todos eles en Santiago de Compostela.

O obxectivo é manter un apoio financeiro tanto a medio como a longo prazo para que se poidan consolidar as liñas de investigación en marcha e abrir outras novas, dentro do impulso á investigación de excelencia desenvolvida desde as propias universidades.

Actualmente en Galicia hai recoñecidos cinco centros singulares (CiTIC na UDC; CiMUS, e CiQUS na USC; ECIMAT e CIMBIO na UVigo) e dúas agrupacións estratéxicas consolidadas (CiTIUS da USC e AtlanTIC da UVigo), que representan as estruturas de investigación máis excelentes do Sistema Universitario Galego, para os cales a Consellería mobiliza un orzamento de 13 millóns de euros ata 2019.

Comentarios
Lo más