Os socialistas de Vedra critican “as demoras para conseguir cita no centro de saúde” e demandan unha solución urxente ao goberno local

Os socialistas de Vedra critican “as demoras para conseguir cita no centro de saúde” e demandan unha solución urxente ao goberno local

O motivo dos retrasos é que dos tres médicos que ten asignados o centro de saúde de Vedra, un deles non estará ata decembro e non se designou un substituto por parte da Consellería de Sanidade da Xunta

A Agrupación Local do PSdeG-PSOE en Vedra critica “as demoras para conseguir unha cita no centro de saúde do municipio” e demanda a intervención urxente do goberno local do PP para buscar unha solución.

“Estes días son varias as queixas de veciñas e veciños que están alarmados pola tardanza en conseguir cita para o médico no noso centro de saúde; por exemplo, unha cita ordinaria pedida o martes día 6 dana para o luns día 12, cando o normal en atención primaria é conseguir cita no día ou o día seguinte”, asegura Beatriz Amenal Junquera, voceira do grupo municipal dos socialistas de Vedra.

O motivo dos retrasos é que dos tres médicos que ten asignados o centro de saúde de Vedra, un deles non estará ata decembro e non se designou un substituto por parte da Consellería de Sanidade da Xunta.

En opinión de Amenal Junquera, “o deterioro na Sanidade e os recortes practicados polo goberno da Xunta de Feijóo cada vez van máis alá; un exemplo claro da precariedade da sanidade pública en Galicia manifestase coa folga de Urxencias do CHUS, que comezou este pasado luns 12”.

“Puxémonos en contacto co alcalde de Vedra, Carlos Martínez, o día 6 para manifestarlle o que está a pasar no centro de saúde e solicitarlle que fixera as xestións oportunas para que se cubra esa praza ata a incorporación do titular”, engade Amenal Junquera, “xa que non podemos permitir que a atención primaria se deteriore desta maneira”.

“O alcalde quedou de dicirnos algo sobre o tema, pero a semana pasada estaba de viaxe oficial en Canarias e aínda non sabemos nada; a día de hoxe, o centro de saúde segue só con dous médicos e con retrasos excesivos”, remata a voceira do grupo municipal dos socialistas de Vedra.

Comentarios