Condenan a ABANCA a devolver os cartos cobrados polas cláusulas chan anuladas

Foto de arquivo
Condenan a ABANCA a devolver os cartos cobrados polas cláusulas chan anuladas

Afecta aos clientes con préstamos hipotecarios subscritos con anterioridade a maio de 2013 aos que ainda non lles foi restituído o gasto.

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña condenou a ABANCA a restituir as cantidades abonadas polas cláusulas chan cobradas de máis aos clientes con préstamos hipotecarios subscritos con anterioridade a maio de 2013. A maxistrada tomou a decisión en virtude da sentenza do Tribunal Supremo do 9 de maio de 2013, que declara nulas unha serie de cláusulas aplicadas neste tipo de contratos.

Esta condena responde á demanda colectiva presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) contra Abanca en xullo de 2016, na cal demandaba o exercicio dunha acción de restitución colectiva en defensa dos intereses dos consumidores e usuarios. Na súa demanda, Acouga expoñía que foron eliminadas as cláusulas chan, pero Abanca non procedeu á devolución das cantidades pagadas polos consumidores por motivo desta cláusula declarada nula. En consecuencia, pedía que ABANCA fose condenada a devolver as cantidades cobradas en exceso, a pagar os intereses legais correspondentes e a facerse cargo das costas procesais. 

A sentenza, que atendeu integramente as peticións de Acouga, establece tamén que os beneficiados desta condena serían as persoas físicas que, como consumidores, contratasen con ABANCA un préstamo con garantía hipotecaria con inclusión dunha cláusula nula incluída na sentenza do Supremo e cuxas cantidades aínda non lles teñan sido devoltas.

Comentarios