Preto de cen mortos nas estradas galegas desde principios de 2018

Foto de arquivo
Preto de cen mortos nas estradas galegas desde principios de 2018

En 2017 faleceron 1.830 persoas no conxunto de España.

No que levamos de ano, preto dunha centena de persoas morreron nas estradas de Galicia vítimas de accidentes de tráfico. Así o explicaron desde a asociación Stop Accidentes, que conmemorou en Vigo o día internacional dedicado a vítimas dese tipo de sinistros.

Durante os actos programados, nos que participaron vítimas e familiares, a asociación recordou que no conxunto de España foron 1.830 as persoas falecidas en accidentes de tráfico o ano pasado, 20 máis que en 2016, ademáis de 9.000 feridas que necesitaron hospitalización. A nivel mundial, Stop Accidentes indicou que diariamente morren máis de 3.000 persoas, entre elas arredor de 500 crianzas, e moitas máis fican feridas para o resto da vida. Isto supón unha sangría de 1,3 millóns de persoas cada ano, ás que se suman máis de 50 millóns de feridas, a maioría en países en vías de desenvolvemento.

Desde Stop Accidentes alertan das “terribles consecuencias” dos accidentes de tráfico, que en moitos casos poden ser evitados. Tamén acusan ás autoridades de non “non estar ao lado das vítimas”, dado que consideran que non toman medidas suficientes contra as persoas “irresponsables e violentas” que causan estas traxedias. Por iso, reclaman unha reforma do Código Penal que incremente as penas e sancións e solicitan que se estableza un protocolo de atención ás vítimas de accidentes de tráfico e aos seus familiares. 

Comentarios