O Ramón Piñeiro pecha os actos do seu 25 aniversario coa conferencia de Guillermo Rojo

O Ramón Piñeiro pecha os actos do seu 25 aniversario coa conferencia de Guillermo Rojo
O Ramón Piñeiro pecha os actos do seu 25 aniversario coa conferencia de Guillermo Rojo

O encontro foi a quinta das sesións coas que ao longo do ano se conmemoraron as vodas de prata do Ramón Piñeiro

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pechou onte os actos conmemorativos do seu 25º aniversario tras acoller ao mediodía a conferencia de clausura impartida por Guillermo Rojo, colaborador da institución e tesoureiro da Real Academia Española (RAE), baixo o título ‘Aproximación á estrutura estatística do léxico galego’, no marco da derradeira das xornadas con que o Piñeiro celebrou as súas vodas de prata este 2018.

Nela participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen valorou as actividades con que o CRPIH conmemorou un cuarto de século de existencia indicando que “as diferentes xornadas que se desenvolveron aquí ao longo do ano permitiron visibilizar a gran cantidade, variedade e calidade da investigación que se realizou e se realiza no Centro Ramón Piñeiro, que en só 25 anos de andaina foi quen de converterse en referente e en apoio de múltiples investigadores dos ámbitos, fundamentalmente, da lingüística e da literatura”.

Con el e con Guillermo Rojo compartiron a mesa de clausura Manuel González, coordinador científico do CRPIH; e Marisol López Martínez, directora doa Área de Lingüística, do proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) e encargada de facer a semblanza do profesor Rojo.

GUILLERMO ROJO

O profesor Guillermo Rojo -membro da Real Academia Española, catedrático de Lingüística española na Universidade de Santiago ata a súa xubilación en 2017 e actualmente profesor emérito desta institución- foi o encargado de impartir a conferencia de clausura dos actos de celebración do 25º aniversario do CRPIH cunha intervención centrada na estrutura estatística do léxico galego. Ao longo da súa carreira investigadora publicou traballos sobre teoría sintáctica, sociolingüística ou socioloxía da linguaxe, pero nos últimos anos centrou a súa actividade investigadora no estudo das estruturas sintácticas clausais e na creación de bases de datos que permitan a súa análise. No Centro Ramón Piñeiro coordinou a sección de lingüística desde a súa creación ata o pasado 2017 e dirixiu o CORGA.

INVESTIGACIÓN LINGÜISTICA

A conferencia de clausura dos actos de celebración do 25º aniversario do Centro Ramón Piñeiro celebrouse no marco dunha xornada orientada a difundir os diferentes proxectos de investigación lingüística que se desenvolveron e se desenvolven no CRPIH.

Ao longo da mañá, interviñeron nela María Sol López Martínez, quen falou do Tradutor automático español galego (Es-Gl) e, xunto con Eva Mª Domínguez Noya, do Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA); Manuel González, que se referiu ao sintetizador de voz en galego Cotovía; Francisco García Gondar, que se ocupou da Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), e Eduardo López Pereira, quen falou do Corpus Documental Latinum Gallaeciae (CODOLGA).

A xornada continuará pola tarde coas intervencións de Manuel González, que se ocupará desta volta da base de datos do Atlas Lingüístico Románico (AliR); Isabel González, que se referirá ao Dicionario italiano-galego; Inés Veiga Mateos, que dará conta dos traballos terminolóxicos, e Xesús Ferro Ruibal, que presentará os do ámbito da fraseoloxía. O secretario xeral de Política Lingüística participará tamén na clausura oficial dos actos conmemorativos onte á tarde, ás 19:30 horas, no Pazo de San Roque.

25 ANOS DO CRPIH

O CRPIH é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Para conmemorar os seus 25 anos de actividade, ao longo de 2018 desenvolveu un programa de actos conmemorativos que incluíu unha conferencia inaugural, catro xornadas temáticas e unha conferencia de clausura nas que se tratou de dar a coñecer ao público a historia do centro, a transcendencia da investigación levada a cabo nel e o recoñecemento da súa centralidade dentro da pescuda en humanidades posta de manifesto nos legados de investigadores importantes, dos que o CRPIH é depositario.

Comentarios