Fran Pintadera e Christina Inaraja reciben este mércores o XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

Fran Pintadera e Christina Inaraja reciben este mércores o XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado
Fran Pintadera e Christina Inaraja reciben este mércores o XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

Outra actividade complementaria celebrarase hoxe martes ás 12:00 horas no CIFP Compostela, en Lamas de Abade. Fran Pintadera compartirá co alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil as claves deste libro e a súa experiencia como autor e narrador

Os autores de Cándido e os demais, Fran Pintadera e Christian Inaraja, recibirán este mércores, no Pazo de Raxoi, o XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado como autores desta obra sobre o tratamento da diversidade e da diferenza. O libro está publicado por KALANDRAKA en sete linguas, as cinco peninsulares, inglés e italiano.

Ademais do acto institucional deste mércores a partir das 19:30 horas, organizado polo Concello de Santiago e polo Departamento de Educación e Cidadanía, os autores de Cándido e os demais tamén visitarán o alumnado de Bacharelato Artístico do IES do Sar, a partir das 10:15 horas. Fran Pintadera e Christian Inaraja impartirán unha charla abordando o proceso de construcción do álbum dende o punto de vista creativo.

Outra actividade complementaria celebrarase hoxe martes ás 12:00 horas no CIFP Compostela, en Lamas de Abade. Fran Pintadera compartirá co alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil as claves deste libro e a súa experiencia como autor e narrador.

Poucas veces unha historia tan aparentemente sinxela propicia unha reflexión tan fonda e necesaria nunha sociedade complexa como a actual. O protagonista ten unha gran necesidade de expresarse  ante o mundo que o rodea; alleo á multitude uniformizada e seguidista das tendencias cambiantes, este personaxe experimenta sensacións como a inseguridade e a soidade, mais acabará atopando un punto de encontro co resto da xente. De estrutura circular e con pinceladas de humor, Cándido e os demais destaca tamén a nivel artístico pola economía de recursos e polas metáforas visuais que representan un amplo abano de emocións.

Fran Pintadera é narrador oral cunha ampla traxectoria nos principais festivais penisulares de narración, ademais de director de teatro social e escritor de literatura infantil. A súa obra está presente nas bibliografías recomendadas de entidades especializadas como a Fundación Germán Sánchez Ruipérez e a Fundación Cuatrogatos. Ademais do XI Premio Compostela, tamén recibiu o XIV Premio de Poesía Infantil La Luna de Aire.

Christian Inaraja ten máis dun cento de obras publicadas como ilustrador, ademais de dedicarse ao cartelismo e colaborar con medios dirixidos a público infantil e xuvenil. É codirector do Festival Europeo de Curtametraxes de Reus, coordina a área de ilustración na Escola de Arte ILLA de Sabadell, e formou parte da directiva na Associació Professional d'Illustradors de Catalunya e no Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado forma parte da Campaña Municipal de Animación á Lectura que promoven o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e KALANDRAKA dende hai 18 anos. Con esta iniciativa preténdese achegar a lectura, a ilustración e a escrita ao público infantil, ademais de desenvolver a súa sensibilidade artística. Ao longo das dez edicións precedentes do certame a cantidade de obras presentadas supera os 3.000 traballos.

Comentarios
Lo más