O Colexio M. Peleteiro convoca os Premios Literarios Minerva

O Colexio M. Peleteiro convoca os Premios Literarios Minerva
O Colexio M. Peleteiro convoca os Premios Literarios Minerva

Están dirixidos a escolares de ESO e Bacharelato para impulsar a literatura en galego.

O Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela presentou as bases dos Premios Literarios Minerva. Trátase da edición número corenta e sete deste certame escolar co que a institución pretende contribuír ao fomento do uso do galego no ámbito educativo e a impulsar a literatura na nosa lingua entre os mozos.

Estes galardóns convocan a alumnos de 3º e 4º da ESO e Bacharelato que estuden en calquera centro da Comunidade Autónoma e que non cumpran os 20 anos antes de finais de ano.

Os estudantes interesados en participar terán que presentar os seus traballos orixinais e inéditos antes do 25 de xaneiro en calquera das dúas posibles modalidades: poesía e narración. Quen opte pola poesía deberá presentar tres poemas e quen opte pola narrativa deberá presentar un máximo de seis folios mecanografados a dobre espazo. Os traballos serán de tema e forma libres e integramente en galego.

En canto á forma de presentación, deben entregarse seis copias en papel e unha en soporte electrónico, asinadas con pseudónimo e acompañadas dun sobre pechado cos datos persoais do autor. O documento ten que ser selado polo Seminario de galego do centro educativo ao que pertence, para logo envialo á dirección do Colexio M. Peleteiro.

Haberá tres premios de 600, 400 e 250 euros en cada modalidade, unha medalla de prata conmemorativa e as obras galardoadas serán incluídas nun libro editado polo Colexio. O fallo dos premios darase a coñecer o día 2 de marzo. A entrega dos galardóns levarase a cabo nun acto literario no salón de actos do Colexio M. Peleteiro o 11 de abril de 2019. 

Comentarios