NAO despídese dos todos os seus fans cun último traballo e unha xira

NAO despídese dos todos os seus fans cun último traballo e unha xira

O grupo estradense presentou este martes 20 de novembro o seu último e derradeiro disco “Ata que o lume se apague” nun acto exclusivo para medios, festivais, salas e fans na Nave de Vidán

A banda estradense NAO anunciou a saída do seu derradeiro disco e o que será a súa xira de despedida, poñéndolle así data de finalización a trece anos de andaina. A pregunta que moita xente agardaba poder contestar era a de por que un grupo que funciona, que continúa a ter público e concertos, decide dicir adeus, ao que Jasper, vocalista da banda, explicou “chegamos a un punto no que manter a esixencia con nós mesmos e a coherencia co noso público fíxonos tomar a decisión de buscar un final acaído para a banda. Ter un grupo do nivel de NAO supón sacrificar moitas outras cousas e sabiamos que ía ser imposible manter este nivel acadado no tempo. Por honestidade con nós mesmos e a xente que nos sigue, tomamos a decisión de deixalo no mellor momento, como unha conta atrás de tres discos nos que fixemos o esforzo de que remataran sendo o mellor da nosa carreira. Agardamos que a ilusión que depositamos nisto se vexa reflexada nos sentimentos da xente que nos sigue”.

A seguinte intervención correu a cargo do guitarrista e compositor Gustavo Brea, quen explicou como foi o proceso de gravación a camiño entre Galiza (Estudos Pouland) e Euskadi (Estudios Garate). Gustavo recalcou a importancia dos estudos Pouland baixo a dirección de Iago Pico, productor da banda nos últimos cinco anos. 

“É o noso estudio de referencia, no que máis cómodos nos sentimos, co productor que fixo que NAO dese un salto cualitativo en produción e composición. A Garate movémonos por unha cuestión de romanticismo, foi o noso primeiro gran estudio e sempre regresamos co corazón, pero aquí en Galiza está o noso estudio de referencia.”

Amós Varela, batería e mánager da banda anunciou as próximas citas importantes que terá o grupo: este mesmo 22 de novembro haberá unha festa preconcerto no Avante (Compostela) con sorteo de entradas, discos e merchandising; o día 1 de decembro estarán no Culturgal ás 20:30h cunha sinatura de discos previa ás 18h (Feira das Industrias Culturais en Pontevedra) e o 5 de decembro a presentación oficial do disco en directo na Sala Capitol (Compostela). 

A partir do 18 de xaneiro comezarán unha xira de salas que os levará por toda a xeografía galega e que rematará no mes de maio. De cara o verán están a concretar estes días a axenda, habendo xa varios festivais confirmados.

Como o grupo viña adiantando en redes sociais, tamén se anunciou a data do concerto final, que será de novo en Compostela o 7 de decembro de 2019. Despois deixarán os escenarios pero continuarán xuntos, en palabras de Jasper: “NAO non se disolve, NAO non se desfai; porque a nosa amizade, a gran familia que construímos cos nosos siareiros e siareiras xamais desaparecerá. O noso amor seguirá sempre vivo.”

E precisamente para o goce dos seareiros e seareiras, o grupo interpretou algúns dos temas do seu último e derradeiro traballo en formato acústico. Aínda hai tempo para despedir a NAO.

Comentarios